Cultura Arte & Fotografia Recuperar a cor da nosa costa
Recuperar a cor da nosa costa
Mércores, 28 Xaneiro 2009 13:16

Pintar as casas dunha vila marítima con cores rechamantes. Azul, vermello, amarelo, verde... Nun tempo no que o concepto de feísmo está a introducirse con forza no imaxinario galego, a proposta pode semellar estraña. No entanto, o proxecto, creado polo artista César Lombera, está en vías de se facer realidade. Os veciños de Cabo de Cruz, en Boiro, xa acolleron positivamente esta proposta que recupera a policromía tradicional da nosa costa.

 Vaia por diante que a idea non é unha performance artística. O proxecto de pintar Cabo de Cruz de cores parte dun costume que se desenvolveu durante anos en moitas vilas mariñeiras do país. Segundo explica César Lombera, “recollo unha tradición que había na zona xa desde os anos sesenta de ter as casas coloreadas. Isto debíase a distintas razóns. A xente estaba en barcos e visitaba países máis ou menos exóticos con vilas coloreadas”, explica o artista. En concreto, portos do Caribe ou Sudamericanos poden ter sido inspiración de moitos mariñeiros para pintar as súas casas. Ao tempo, asegura Lombera, “isto coincidiu cun momento no que os barcos ían facéndose máis grandes, e empregábase esa mesma pintura colorida para as casas”. A estas cuestións engadíanse as puramente hixiénicas. Para evitar as inevitables manchas que a intemperie e a falta de camiños asfaltados producían nas fachadas, deuse en pintar zócalos máis escuros, abrindo o camiño a combinacións de cores do máis variado. Falamos entón dunha tradición relativamente recente que foi rapidamente substituída por outras propostas de cobertura de fachadas. De feito, xa cara aos anos setenta foron substituíndose as cores pola cobertura de azulexo e de uralita para as fachadas ou por cores máis convencionais. Cabe debater en todo caso sobre a oportunidade de recuperar desta opción específica.

Atractivo turístico

A proposta de Lombera, para alén da pura recuperación dunha tradición, quere servir para achegarlle un novo atractivo a este enclave mariñeiro. “Tendo en conta a arquitectura e a singularidade de Cabo de Cruz, propoño darlle cor ás casas para pór en valor a vila e darlle atractivos a nivel turístico, económico e ambiental e facer unha experiencia piloto que sirva para outros lugares da costa, xa que este tipo de policromía é común a toda a fachada atlántica galega”, explica. De feito, na presentación do proxecto, este artista analiza a presenza da policromía na arquitectura ao longo da Historia, recuperando casos de planificación coma o de Turín.

Novas tecnoloxías

O proxecto incorpora as novas tecnoloxías á tradición con vistas a facer unha presentación de como sería un Cabo de Cruz polícromo. “O proxecto presenta unha carta de máis de sesenta cores que se fixo a partir dun estudo polo miúdo da tipoloxía que houbo en diferentes momento. Faise unha proposta aleatoria para o conxunto, logo trataríase de ir vendo con cada veciño como quedaría a súa casa de xeito virtual”. Lombera achega esquemas combinacións de tres cores para fachada, zócalos e outras zonas que se poden ir adaptando aos diferentes casos.

En desenvolvemento

Polo momento, a iniciativa conseguiu o apoio do Concello de Boiro e, exposta aos veciños, obtivo unha resposta entusiasta. “O día da presentación, ao final de ver o DVD no que se presenta o proxecto, a xente fixo unha ovación pechada que nos sorprendeu a todos. A acollida foi moi boa, penso que os veciños tiñan en mente esta tradición, e de feito desde que comezamos a traballar nesta iniciativa, hai xa catro anos estamos vendo como a xente vai pintando as casas de xeito espontáneo”. Agora mesmo o proxecto está pendente de conversas coa Xunta para ver as posibilidades de que os veciños reciban axudas para repintar as súas casas e lograr que o Cabo de Cruz polícromo sexa unha realidade.

Fonte orixinal: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=13922

Máis info: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=4&idEdicion=1067&idNoticia=364682

 
4 Votes
Cartel

Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Non mudar a configuración do teu navegador implica que aceptas o seu uso.

Acepto

Sobre Nós

Surf GZ é un xornal surfeiro que ten coma obxetivo promover e espallar a cultura da xente da praia pola Rede. Levamos traballando dende 2008 e levamos máis de 4.000 novas publicadas grazas ao traballo dos nosos colaboradores.

Colabora connosco!

Podes colaborar connosco como corresponsal ou fotógrafo enviando os teus artigos, fotos, vídeos, crónicas de campionatos e outros eventos. Estamos encantados de publicar os vosos traballos pra que cheguen a máis xente. Axúdanos!

As nosas Redes

Podes seguirnos nas Redes sociais onde estamos publicando e compartindo novas de seguido. Únete á conversa en: