Ecoloxía Denuncias O 42,7% da poboación galega respira aire contaminado
O 42,7% da poboación galega respira aire contaminado
Venres, 13 Agosto 2010 00:00

Segundo o informe de Verdegaia e Ecologistas en Acción "A calidade do aire en Galicia durante 2009", baseado en datos oficiais, polo menos o 42,7% da poboacion galega respira aire contaminado se se toman como referencia os valores límite de concentración de contaminantes no aire recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para a protección da saude humana, mais esixentes que os legais. O tráfico e algunhas industriais, nomeadamente as enerxéticas, son as principais causas de deterioracion da calidade do aire en Galicia.

A poboación afectada pola contaminacion está exposta a valores medios anuais de concentración de partículas en suspensión (partículas inferiores a dez micras, PM10, e/ou a duas con cinco micras, PM2,5) no aire superiores ao limiar recomendado pola OMS. Vive na Coruña, Arteixo, Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo, Valdeorras e na denominada "franxa Fisterra-Santiago", unha das zonas en que se divide Galicia a efectos de avaliacion da calidade do aire. A exposición a partículas en suspension relaciónase con afeccións respiratorias e cardiovasculares e a longo prazo estímase que pode reducir a esperanza de vida entre varios meses e dous anos.

Que durante 2009 non se rexistrase en Galicia ningunha superación de valores límite legais para os principais contaminantes atmosféricos (partículas en suspensión, dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno e ozono troposférico) non supón a ausencia de problemas de contaminación atmosférica. Isto é así por dúas razóns: as insuficiencias da rede de medición de calidade do aire e o baixo nível de ambición da lexislación europea -en comparación coas recomendacións da OMS- no que se refire á protección da saúde fronte á contaminación atmosférica por partículas en suspensión.

Ademais de na maioría das principais cidades, tamén na contorna dalgunhas industrias se superaron valores límite recomendados pola OMS. En concreto, para PM10 na contorna da central térmica de Meirama (GAS NATURAL FENOSA), da refinaría de REPSOL, de CEDIE (Valdeorras) e de FERROATLÁNTICA-Cee, e para o ozono (O3) na área de influencia das centrais térmicas das Pontes (ENDESA).

Verdegaia e Ecologistas en Accion denuncian que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas só divulgou datos para 2009 de 29 das 66 estacións de vixilancia da calidade do aire situadas nas proximidades das industrias máis contaminantes. No caso dalgunhas industrias, un ano máis seguimos sen coñecer nin un só dato de ningunha das estacións situadas na súa contorna: central térmica de Sabón (GAS NATURAL FENOSA), CEMENTOS COSMOS (Sarria), ENCE (Pontevedra), FERROATLÁNTICA-Sabón, FERROATLÁNTICA-Dumbría, FINSA-Santiago, MATERIALES DEL ATLÁNTICO (Narón) e incineradora de SOGAMA (Cerceda).

Verdegaia e Ecologistas en Acción reclaman novas políticas territoriais e de transporte que reduzan drasticamente o tránsito nas cidades e as súas áreas de influencia. É necesario deixar de enterrar grandes sumas de diñeiro en ampliacións da capacidade viaria que só alivian por un tempo os problemas de conxestión e restrinxir fortemente o uso do vehículo privado, principal causa de degradación da calidade de vida no ámbito urbano. Ao mesmo tempo, cómpre potenciar todo o posible os desprazamentos a pé e en bicicleta e o transporte colectivo.

Tendo en conta a importante achega das industrias enerxéticas á contaminacion atmosférica, resulta tamén prioritario para a mellora da calidade do aire reorientar o modelo enerxético, apostando polo decrecemento no consumo, as renovables e a autonomía enerxética.

Documentacion:

pdf A calidade do aire en Galicia durante 2009

Fonte do artigo: http://www.verdegaia.org/content/view/1138/1/

 
4 Votes


Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Non mudar a configuración do teu navegador implica que aceptas o seu uso.

Acepto

Sobre Nós

Surf GZ é un xornal surfeiro que ten coma obxetivo promover e espallar a cultura da xente da praia pola Rede. Levamos traballando dende 2008 e levamos máis de 4.000 novas publicadas grazas ao traballo dos nosos colaboradores.

Colabora connosco!

Podes colaborar connosco como corresponsal ou fotógrafo enviando os teus artigos, fotos, vídeos, crónicas de campionatos e outros eventos. Estamos encantados de publicar os vosos traballos pra que cheguen a máis xente. Axúdanos!

As nosas Redes

Podes seguirnos nas Redes sociais onde estamos publicando e compartindo novas de seguido. Únete á conversa en: