Ecoloxía Denuncias Verquido no Porto Exterior de Ferrol
Verquido no Porto Exterior de Ferrol
Luns, 16 Febreiro 2009 14:45

Ante o verquido que tivo lugar o pasado 8 de Febreiro no Porto Exterior de Ferrol debido ás actividades nas instalacións da empresa Entaban Biocombustibles e que afectou á Ría, os colectivos Sociedade Galega de Historia Natural, Adega e Verdegaia cualifican como tomadura de pelo afirmar, tal e como fixeron os responsables da Autoridade Portuaria de Ferrol, que os 10.000 litros de aceites vexetais e glicerina vertidos non son contaminantes, xa que cada litro de aceite ten a capacidade de contaminar entre 1.000 e 1 millón de litros de auga, dependendo do tipo de aceite.

Os colectivos asinantes esiximos que se expliquen as causas técnicas deste accidente e que o proxecto de instalación e explotación de Entaban se faga público. Reclamamos tamén que a Fiscalía de Medio Ambiente sexa contundente con este tipo de accións, sendo sancionada a empresa e paralizada a súa actividade de non estar garantida a seguridade ambiental.

Son numerosas as consecuencias para a contorna que se derivan da vertedura de aceites: as aves engraxadas sofren dunha perda de capacidade illante no súa plumaxe e poden chegar a morrer por hipotermia de non ser tratadas. Ademais, a impregnación da plumaxe failles perder a flotabilidade e capacidade de voo. As afeccións ao medio mariño comezan dende o momento en que a película de aceite, que rapidamente se espalla podendo acadar milleiros de metros cadrados, reduce o paso de luz e impide o aporte de osíxeno ao ecosistema mariño, coa aparición a medio e longo prazo de sustancias tóxicas derivadas da descomposición dos aceites. Outra das consecuencias atópase na morte do plancto, base da cadea alimentaria.


Hai que lembrar que os efectos contaminantes deste verquido vense agravados polo feito de ser a Ría un sistema moi pechado, e coa construción do dique de abrigo do Porto Exterior reduciuse nun 60% o espacio de entrada e renovación das augas. Xunto a isto, a canle da Ría de Ferrol está incluída na Rede Natura 2000, sendo o Porto Exterior unha infraestrutura descontextualizada en relación á súa contorna, xa que os terreos onde está situado foron expresamente excluídos da Rede Natura 2000 para a construción daquel. Cada litro de aceite, e neste caso foron 10.000 segundo a versión oficial, pode contaminar de 1.000 a 1 millón de litros de agua, polo que é cando menos irresponsable e bota por terra tódalas campañas de concienciación da cidadanía sobre recollida de aceites de cociña usados, afirmar que non contamina.

Os colectivos asinantes queremos saber cales foron as causas técnicas polas que nunha planta de recente construción un só erro humano, segundo a versión oficial, pode provocar un verquido directo ao medio mariño. A cidadanía ten dereito a coñecer, cousa que se nos negou en reiteradas ocasións por parte do Concello de Ferrol, o proxecto de instalación e explotación de Entaban. Queremos saber cales son os medios cos que conta esta empresa para evitar que outra fuga acabe na Ría de Ferrol (“Ao pañol grande”). No caso de non contar coas medidas de seguridade necesarias, como puxo de manifesto este verquido, esiximos a paralización da actividade. Ademais, a Fiscalía de Medio Ambiente debe ser contundente con este tipo de actuacións, sancionando á empresa.

Tamén queremos subliñar o feito de que na dársena de Caneliñas estáse a construír outra planta de similares características (Infinita Renovables) á que o Concello de Ferrol no seu día lle outorgou licenzas de obra incumprindo a Lei de Ordenación Urbanística. Esta segunda instalación multiplicaría as posibles afeccións á Ría.

Ferrol non necesita empresas que, como Entaban, dilapiden 6 millóns de euros do diñeiro público nunha factoría que non garante a seguridade ambiental para a nosa Ría e contribúe á destrución das comunidades de onde obtén as materias primas que emprega na produción de biodiesel.

Máis info:

http://www.verdegaia.org/content/view/759/1/

http://sghnferrol.blogspot.com/2009/02/verquido-da-planta-de-biocombustibles.html

 

 
0 Votes
Cartel

Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Non mudar a configuración do teu navegador implica que aceptas o seu uso.

Acepto

Sobre Nós

Surf GZ é un xornal surfeiro que ten coma obxetivo promover e espallar a cultura da xente da praia pola Rede. Levamos traballando dende 2008 e levamos máis de 4.000 novas publicadas grazas ao traballo dos nosos colaboradores.

Colabora connosco!

Podes colaborar connosco como corresponsal ou fotógrafo enviando os teus artigos, fotos, vídeos, crónicas de campionatos e outros eventos. Estamos encantados de publicar os vosos traballos pra que cheguen a máis xente. Axúdanos!

As nosas Redes

Podes seguirnos nas Redes sociais onde estamos publicando e compartindo novas de seguido. Únete á conversa en: