Pola recuperación da ría e o dominio público.. ENCE fóra xa!


A chegada da fábrica de CELULOSAS a Lourizán, supuxo a destrución ambiental, económica e urbanística da comarca. Imposta pola forza militar en terreos gañados ao mar mediante recheos, sepultou o mellor banco marisqueiro da Ría e as praias urbanas de Pontevedra, e provocou a desaparición de moitas especies e a perda dun importante número de postos de traballo. O incumprimento sistemático da lexislación ambiental, tanto coas emisións á atmosfera como cos vertidos ao mar, permitido polos sucesivos gobernos do Partido Popular na Xunta e no Estado (que antepoñen sempre os intereses empresarias ao interese xeral) motivou a condena, en novembro de 2002, por delito ecolóxico continuado e danos á saúde das persoas.

Porén, os danos non se limitaron á Ría de Pontevedra e á comarca. A desmedida eucaliptización dos montes galegos e, como consecuencia, a proliferación e voracidade dos lumes forestais, é unha consecuencia directa da necesidade de abastecer de eucalipto á fábrica. O progreso e a riqueza anunciados, foron en realidade un freo ao desenvolvemento económico de Galiza e a peor das condenas para a nosa comarca!

No ano 1988, a Lei de Costas concédelle un prazo de 30 anos para abandonar os terreos de dominio público marítimo-terrestre e para buscar, no seu caso, un emprazamento alternativo, unha opción descartada por ENCE no convencemento de que o PP proporá unha saída que lle permita manterse na Ría máis alá do fin da concesión no 2018; o ano 2013, coa modificación da Lei de Costas, o PP permitiu as prórrogas das concesións, e abriu a porta á permanencia de ENCE na Ría 60 anos máis, até o 2073, unha decisión que foi recorrida diante da Audiencia Nacional pola Asociación Pola Defensa da Ría, Greenpeace e o Concello de Pontevedra, por considerala contraria á Lei, pero tamén á lóxica, xa que, na práctica, supón a privatización dos terreos de dominio público.

Con efecto, a Lei de Patrimonio das Administracións Públicas establece que o tempo máximo de permanencia en dominio público (incluídas prorrogas) non pode superar os 75 anos, e a Lei de Costas de 2013 reserva esta permanencia para aquelas actividades ou instalacións que -pola súa natureza- non podan ter outro emprazamento, circunstancia que non se da no caso de ENCE. Esta evidencia levou ao Estado a non defenderse fronte aos nosos recursos, asumindo, de feito, a ilegalidade da prórroga de ENCE, e que a concesión caducou no ano 2018!

ENCE, co apoio do PP e a Xunta de Galicia esixe a permanencia na Ría até o 2073, centrando a súa esixencia na oposición ao proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica, que non fai máis que recoller o xa lexislado nos termos que temos indicado no parágrafo anterior.

Fronte a esta pretensión de permanencia, e á espera da decisión da Audiencia Nacional, as persoas abaixo asinantes, esixen:

Que se faga cumprir a Lei, se anule definitivamente a prórroga de 60 anos concedida ilegalmente a ENCE no 2016 e, consecuentemente, que se decrete o fin da súa actividade na Ría obrigándolle -como esixe a lexislación- a devolver a zona ocupada á situación que tiña á chegada a Lourizán.

Ao tempo, quere expresar o seu apoio á MARCHA CONTRA CELULOSAS que terá lugar o próximo DOMINGO 4 de Xullo.

Asina o manifesto en Change.org

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.