Noia Limpa recolle máis de 5.000 cabichas no centro da vila


O colectivo Noia Limpa realizou este pasado sábado unha recollida de cabichas e residuos de cigarros polas rúas da vila de Noia na que se recolleron 5.150 cabichas. Na saída participaron un total de 20 persoas, que percorreron as rúas da vila en cinco grupos de traballo, segundo a zona que lles foi asignada: Labarta e paseo marítimo, Malecón de Gasset e contorna do Instituto Virxe do Mar, zona vella, Alameda e rúa Escultor Ferreiro ata o supermercado Gadis de San Lázaro.

Segundo as zonas, as cabichas que se recolleron, nos 45 minutos que durou a saída, foron:

• Labarta e paseo marítimo: 1.400 cabichas.
• Malecón de Gasset e contorna do Instituto Virxe do Mar: 700 cabichas
• Zona vella: 850 cabichas. Destacar nesta zona que non se puido abarcar na súa totalidade, quedando excluídas da recollida a Praza do Tapal, a rúa Cantón e as outras rúas máis pequenas da zona intramuros.
• Alameda: 1.000 cabichas.
• Rúa Escultor Ferreiro ata o supermercado Gadis de San Lázaro: 1.200 cabichas.

As cabichas están consideradas como un dos principais residuos a nivel mundial, xa que ademais de tardar décadas en desaparecer ou desintegrarse, adoitan rematar nos sumidoiros, chegando en moitos casos aos ríos e ao mar.

Ademais, a retirada de cinceiros das terrazas de bares e cafeterías con motivo da pandemia ocasionada polo COVID-19 fixo que este problema se vise incrementado, xa que moitos clientes, ao non dispoñer de cinceiros, tiran as cabichas ao chan.

Segundo datos da ONG SEO/Birdlife o efecto contaminante das cabichas pode durar entre 7 e 12 anos na auga (outros estudos falan de máis tempo, ata 25 anos) e cada cabicha individualmente pode chegar a contaminar entre 8 e 10 litros de augas salada e ata 50 litros no caso da auga doce.

Esta recollida enmárcase dentro do programa O lixo desde o teu Concello do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, grazas ao que ademais se puido asistir a unha pequena charla sobre a problemática medioambiental das cabichas por parte dunha representante de Adega, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.

Colaboración de limpOcean

Nesta ocasión, ao tratarse dunha saída de temática específica (cabichas e cigarros) contouse coa colaboración da organización limpOcean, que participaron na saída cos seus propios voluntarios. limpOcean dedícase ademais de a limpezas de praias e contornas de ríos, a fabricar cinceiros reutilizables de peto, que se repartiron entre todos os asistentes á saída grazas a unha colaboración co Concello de Noia.

Estos cinceiros están pensados para poder recoller as cabichas cando non hai posibilidade de depositalas nunha papeleira, xa que o seu interior está feito de papel de aluminio, polo que se pode meter o cigarro sen apágalo. Ademais, como permite pechalo, tampouco existen problemas cos cheiros. O exterior é de papel Kraft elaborado con residuos de madeira de bosques xestionados de forma sostible.

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.