Verdegaia demanda a paralización das obras levadas a cabo por Costas en praias de Ferrol

Verdegaia ven de denunciar ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia o impacto ambiental que están a ocasionar as obras do proxecto de “Restauración Ambiental das praias da Coviña, O Vilar, A Fragata e Esmelle” no Concello de Ferrol (L.I.C. Costa Ártabra e Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño), vulnerando a legalidade.

En primeiro lugar, estase a construir un muro de contención de formigón nunha das marxes da estrada C.P. 3606, nas inmediacións do camping existente, de máis de 3 metros de altura nalgúns pontos, afectando ao espazo dunar incluido tanto no Dominio Público Marítimo-Terrestre (D.P.M-T.) como nos devanditos L.I.C. e Z.E.P.A., supostamente para construir unha beirarrua ou paseo peonil. Non se adoptou outra solución menos agresiva como a instalación dunha pasarela de madeira para salvar o desnivel existente, por exemplo ou, de ser absolutamente necesario o muro de contención para reforzar o firme da estrada, sustituilo por unha escolleira de pedra recuberta con sustrato da zona, por poñer outro exemplo.

En segundo lugar, procedeuse ao desmonte e ao movimento de area dunha ampla superficie dunar inmediata ao aparcadoiro proxectado na marxe da devandita estrada C.P. 3606, supostamente como ampliación do mesmo, destruindo toda a coberta vexetal. Esta zona dunar forma parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que fai a Xunta de Galicia, ao posuir hábitats e especies de interese comunitario. De feito, esta suposta ampliación do aparcadoiro, non contemplada no proxecto inicial, ademáis de poñer en perigo un dos catro matos de Camariña (Corema album) que, milagrosamente, sobreviven na zona afectada (sendo as poboacións máis setentrionais da península ibérica xunto coas de Pantín -Valdoviño), destrueu parte das poboacións de Omphalodes littoralis subsp. gallaecica localizadas nesta zona, catalogada como En Perigo de Extinción. Outras especies vexetais como Iberis procumbens (endemismo ibérico) ou Silene scabriflora subsp. gallaecica (endemismo galaico) comparten o mesmo hábitat, resultando tamén afectadas polas obras. Ademáis, os materias extraidos nesta parte do sistema dunar estanse depositando sobre as dunas móviles da primeira liña de costa co obxecto de "rexenerar" as partes erosionadas polo tránsito de veículos, carecendo de todo rigor científico. Como dí o dito popular, desvisten a un santo para vestir outro.

En terceiro lugar, acedeuse á Praia do Vilar a través do seu sistema dunar con maquinaria pesada, deixando as rodeiras sobre a vexetación psamófila e erosionando parte da duna. Resulta que nas inmediacións xa hai un paso a través do cantil, tanto para persoas como para veículos, que non se utilizou.

Tanto á Demarcación de Costas como ao Concello de Ferrol parece só importarlles o rendemento electoral que poden obter da execución deste proxecto, falsamente chamado de "restauración ambiental", desprezando os valores naturais que motivaron a protección deste espazo natural e vulnerando as obrigas legais de salvagarda-los, de acordo coa lexislación ambiental en vigor.

Desde Verdegaia pedimos a paralización cautelar das obras, co obxecto de evitar que se agrave o deterioro dos hábitats naturais e das comunidades vexetais obxecto de protección e se descarten do proxecto todas aquelas actuacións que poidan resultar incompatibeis ou perxudiciais para a conservación dos mesmos.

Fonte da noticia:

http://www.verdegaia.org/content/view/1218/140/

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.