A nova Rede Natura litoral feita á medida das empresas das piscifactorías |
Luns, 18 Agosto 2008 12:10 | |||
![]() En Corrubedo, o "espazo" da piscifatoría da Laxe Brava, 308.000 m2, figuraba en 2007 incluido dentro do LIC para caerse da proposta en 2008. E hai máis "baleiros" en Quilmas, Merexo, Camelle, Ribadeo... ![]() En opinión de ADEGA e outros colectivos ecoloxistas galegos, subsanar esta eiva debera ter sido unha das primeiras tarefas da actual Consellería de Medio Ambiente. E aparentemente así aconteceu, mais só de xeito virtual e unicamente no papel das notas de prensa da consellería: a ampliación da Rede Natura galega foi “vendida” periódicamente nos medios como un fito polo conselleiro Sr. Vázquez. Mais de aparecer no DOG, o soporte que da conta das iniciativas e compromisos reais dunha administración, nada. A importancia da ampliación da Rede Natura radica en que moitos proxectos e planos sectoriais como o Acuícola, o Eólico, o Hidroeléctrico, de Portos Deportivos e demáis infraestruturas deberían redeseñarse para ter en conta os espazos naturais “ausentes” da cativa Rede Natura actual. Este inxustificado retraso ten moito que ver co peso de determinadas políticas produtivistas e cos intereses de sectores que pretenden sacar proveito da estratexia dos feitos consumados, amplamente promovida na anterior etapa e que a actual consellería semella estar imitando. A día de hoxe, a consellería de Medio Ambiente ten avanzado de xeito oficioso dúas propostas de ampliación, unha en 2007 e outra este mesmo ano, que pretenden alongar a Rede Natura galega até o 18,3% do territorio. Un paso adiante, mais certamente insuficiente e que non vai chegar a tempo para impedir a desfeita de ezpazos naturais con hábitats e especies de interese europeo, nomeadamente na costa. ![]() Mais as tesoiras da consellería entran en acción cando o que se trata é de protexer os intereses das empresas acuícolas. Dende Oia até Ribadeo, as ampliacións da Rede Natura que propón Medio Ambiente teñen oportunos ocos e estratéxicos baleiros para encaixar os 3 milóns de m2 de cemento das macropiscifatorías. Os casos de Quilmas, Merexo, Arou, Camelle, Ribadeo, e particularmente Corrubedo, son certamente significativos. Na Laxe Brava (Corrubedo) a proposta de ampliación do Parque Natural só pode cualificarse de escandalosa e chafalleira. Escandalosa porque unha macroinstalación industrial, a máis grande do Plano Acuícola con 308.000 m2, vai quedar incrustada no corazón dun Parque Natural. Chafalleira porque nunha primeira proposta avanzada en 2007, o espazo ocupado pola piscifatoría ía incluise na ampliación do parque. Casualmente, na proposta de 2008 Medio Ambiente “descatalogou”, a pedido de Pesca e os rodaballistas, o espazo xusto para encaixar a macropiscifatoría da Laxe Brava. É que este e outros espazos do litoral perderon de repente os seus valores naturais xusto nos lugares nos que van as piscifatorías? Ou é máis ben que o que se perdeu foi a seriedade e a vergoña por parte de Medio Ambiente que non ten reparos utilizar o noso patrimonio natural como instrumento para avalar as políticas insustentábeis doutros departamentos da administración? Lembremos tamén a recente aprobación da Memoria Ambiental do Plano Acuícola, un documento contradictorio que malia a recoñecer os graves impactos e as deficiencias da acuicultura industrial, mira para outro lado e permite que continúe a tramitación desta planificación sectorial. ADEGA reclama do conselleiro Sr. Vázquez que presente oficialmente unha proposta de ampliación da Rede Natura 2000 coerente e desvencellada dos intereses empresariais e de calquera estratexia político-eleitoral. Unha Rede Natura á altura dos valores naturais do país, patrimonio de todos/as e non deseñada para proveito duns poucos. E que o faga de xeito urxente antes do final da lexislatura para non ser complice da estratexia de saqueo do país que promoveu a anterior administración cando deseñou unha Rede Natura a medida das piscifatorías, eólicas, minicentrais, etc. {fcomments}
|