500 m de protección da costa galega: Valdoviño fica na Galiza?

No concello de Valdoviño, na punta dereita da praia da Frouxeira estase a construir unha urbanización á beira do mar con 69 chalés e un hotel, promovido por "CONSTRUCCIONES RÍAS GALLEGAS, S.A." e asumido pola administración local e autonómica. A parcela linda coa zona Ramsar e ZEPA, e inclúese na súa totalidade no LIC Costa Ártabra, parte da Rede Natura 2000. De que valen as proteccións ambientais, urbanísticas, de Costas e patrimoniais (afecta ao Castro da Frouxeira) se logo ninguén as respecta?

A existencia de hábitats catalogados como prioritarios (recoñecido pola administración galega) implica que “só para fins relacionados coa saúde humana e a seguridade pública se podan executar alteracións do contorno, ou por imperioso interese público logo de consultar á Comisión Europea” (Directiva 92/43/CEE, relativa á protección dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestres e Real Decreto 1997/1995). Esta consulta á Comisión Europea non se executou.
 
Demandamos, maís unha vez, que a Consellaría de M.A. exerza as súas responsabilidades e poña fin a este despropósito. Polo feito de lindar con zonas Zepa e Ramsar cómpre avaliar o impacto ambiental que tal concentración humana produciría. Esta necesidade foi recoñecida pola propia Consellaría de M.A. máis posteriormente anulouna cun suprendente informe no que asume consideracións como esta: “se puede observar su total inclusión en un ámbito de características urbanas; tanto por la edificación de la práctica totalidad de las parcelas próximas, como por su disposición rodeándola totalmente”. Unha simple ollada á parcela permite desbotar totalmente este argumento.
 
Existen actualmente na parcela unhas enormes gabias (denunciadas por ADEGA xa en agosto do 2006) que non se poden corresponder co permiso dado desde o concello para obras de urbanización. Como non foran autorizadas, a Consellaría de Política Territorial ten que obrigar a repoñer a parcela ás súas anteriores características sen admitir que as pretendan facer pasar por un posterior estudo arqueolóxico de dimensións desproporcionadas (até 84 m).
 
Asemade, a licenza para o proxecto de urbanización (U.A. 2 na Saiña – Valdoviño), ten un prazo de execución das obras de 1 ano, como estabelece no seu apartado 5 o informe favorábel asinado polo arquitecto municipal o 01/08/2003. Xa que logo, cómpre tramitar novamente a documentación urbanística, o cal se podería facer através da presentación dun Plano Especial, a aprobar pola Xunta, en cumprimento da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galiza, se a parcela estivese catalogada como urbana consolidada, cuestión esta que non cumpre por ser urbana non consolidada.
 
A Consellaría de Política Territorial ten que asumir as súas competencias e facer cumprir a lei. A mesma clasificación da parcela como urbana é contraria á Lei 9/2002, xa que no seu artigo 12 estabelece a necesidade de integración na malla urbana para esta clasificación. Calquera persoa pode corroborar por fotografía aérea ou visitando o entorno a total ausencia desta característica xa que era un entorno natural non degradado até a chegada de CONSTRUCCIONES RIAS GALLEGAS, S.A.
 
Cómpre por tanto que a Consellaría de Política Territorial elimine a declaración como solo urbano das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia da Coruña por ser manifestamente ilegal.

Finalmente, ADEGA pregúntase se acontece isto cun espazo no que se superpoñen múltiplas proteccións e cautelas ambientais, urbanísticas e patrimoniais, que non acontecerá no resto da costa que non goza deste estatus?

Fonte orixinal: ADEGA

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.