ADEGA denuncia actividades incompatíbeis coa conservación do humidal de Baldaio

Parapentes con motor e avionetas en práticas sobrevoan a lagoa de Baldaio sobre a que tamén se pratica "kite-surfing". sen ningún control. Estas actividades, pola forte emisión de ruidos e a intromisión nas áreas de cría causan graves perxuízos ás aves, entre as que se inclúen especies protexidas e amezadas. Até o de agora, a administración fixo caso omiso ás denuncias apesar de tratarse dunha zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves), parte da Rede Natura 2000, e estar  Baldaio en trámites de ser declarado humidal protexido.

No humidal de Baldaio (concello de Carballo) véñense desenvolvendo prácticas aéreas tanto con motor -“paramotor”- (parapente con motor) e voos de avionetas en prácticas; como sen motor –“kite surfing”-, sobre a superficie da lagoa e da praia. Os paramotores sobrevoan a lagoa e a praia utilizando como punto de despegue o monte das Saíñas. As avionetas en prácticas despegan dende o aeroporto de Alvedro. Alén disto, os practicantes do “kite surfing” fan continuas pasadas no interior da lagoa.

Estas actividades realízanse nos días de bo tempo, especialmente durante o verán, causando molestias á fauna e escorrentando ás aves que paran no espazo debido ao ruido dos motores. Cómpre lembrar que a lagoa e praia de Baldaio está incluida na Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Costa da Morte. Chama pois a atención que nun espazo natural protexido cuxa principal finalidade é servir como área de cría e invernada ás aves, estéanse a desenvolver actividades manifestamente incompatíbeis co principal obxecto de conservación.

Entre a avifauna protexida presente no humidal de Baldaio (anexos da Directiva 79/409/CEE), podemos atopar a gabita (Haematopus ostralegus), diversas especies de pilros (Calidris alba, C. alpina e C. canutus, principalmente), o mazarico rubio (Limosa lapponica), e outros mazaricos (Numenius arquata e N. phaeopus), que acadan importancia estatal polas súas poboacións migrantes ou invernantes. No areal mantéñense uns poucos núcleos reprodutores de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Nas xunqueiras destaca a presenza de garza pequena (Ixobrychus minutus), e as poboacións de paseriformes reprodutores e migradores, que utilizan as carriceiras e outras formacións de vexetación helofítica: hai núcleos reprodutores da escribenta das canaveiras iberoccidental (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), endemismo ibérico cualificado en perigo e de folosa acuática (Acrocephalus paludicola), especie globalmente ameazada segundo os criterios da UICN.
 
Alén disto, no Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de Humidais de Galiza, inventario actualmente en proceso de ampliación para incluir entre outros ao complexo húmido Razo-Baldaio, recóllese no seu artigo 8.j a prohibición de utilizar “artefactos ou dispositivos que produzan contaminación acústica e incidan negativamente sobre a fauna, salvo aqueles debidamente xustificados”.
 
Por todo isto ADEGA solicita á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que garanta a integridade ambiental deste espazo artellando as medidas precisas para eliminar as agresións que son obxecto de denuncia.
 
{fcomments}
Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.