Apoio á Declaración de Parque Natural para o Monte Pindo

Acabamos de recibir esta solicitude de apoio a prol da Declaración de Parque Natural para o Monte Pindo de parte da Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo plural, democrático e transparente que traballa a prol da protección do Monte Pindo na Costa da Morte. Por favor colaborade con esta iniciativa compartíndoa nas vosas Redes Sociais.

Estamos firmemente convencidos de que o Monte Pindo merece e debe ser proclamado Parque Natural. Os fundamentos principais que avalan a nosa convicción son os seguintes:

Monte Pindo

O Monte Pindo é un dos montes máis míticos e coñecidos da Costa da Morte e tamén de Galicia, polas súas raras calidades xeolóxicas, pola presenza de especies naturais protexidas e incluso únicas, polos mitos e a historia que o rodean, e por ser un dos principais recursos de futuro non só do seu entorno inmediato senón de toda a zona.


Camisolas por 10€ na súa tenda online

No Pindo conxúgase unha privilexiada posición xeográfica, un cumio de 627 metros situado xusto a rentes do mar e encadrado pola praia de Carnota (a máis longa de Galicia) ao sur e pola Fervenza do Ézaro (a única de Europa que cae sobre o mar, desgrazadamente anulada por un encoro) ao norte. Na actualidade o Monte Pindo está abandonado e abocado ao progresivo deterioro. As ameazas (incendios, vandalismo, campismo agresivo, incursións en vehículos motorizados...) medran cada día, polo que se fai apremiante actuar sen perder máis tempo.

  • A declaración do Parque Natural artellaría mecanismos para, desde o consenso social, estudar os seus problemas e atopar solucións.
  • A declaración do Parque Natural xeraría por si mesmo un número de postos de traballo.
  • A declaración do Parque Natural suporía a dotación dunha partida presupostaria específica, o que non se da con outras figuras de protección.
  • A declaración do Parque Natural incrementaría a prioridade presupostaria de toda a área de influencia do futuro parque, incluso a nivel de investimentos non estrictamente ligados ao medio ambiente.
  • A declaración do Parque Natural abriría múltiples posibilidades de revitalizar a produción non industrial (mar, agro, madeira, artesanía, etc...) de toda a zona, podendo incluso crearse un "selo de calidade" que suporía un valor engadido para os produtos de toda a área de influencia.

A do Parque Natural é unha "marca" moi prestixiosa e xera por si mesmo unha afluencia de "turismo verde", o que conlevará un forte impacto de visitantes "de calidade" que sen dúbida incidirá no sectores turístico, hostaleiro e comercial de toda a zona

Todo o anterior, unido á proximidade do Cabo Fisterra, de Monte Louro... pode impulsar dun xeito definitivo o bo nome da Costa da Morte como referencia nacional ou mesmo internacional.

Por todo isto, entendemos que o Monte Pindo reúne o 100% das calidades necesarias para ser nomeado o 7º parque natural galego e 1º da Costa da Morte, e asi no-lo confirmaron todas as voces autorizadas que se levan pronunciado ao respecto.

Mais, se ben a razón parece estar da nosa parte, sabemos que nada nos vai vir dado, e que a nosa é unha carreira de fondo na que imos precisar o empuxe de todas e todos aqueles que aman o Monte Pindo e quixeran velo coidado, protexido, e coas súas potencialidades desenvolvidas dun xeito substentable e beneficioso non só para o medio natural senon para o noso territorio e os seus habitantes.

Rogámosvos por tanto o apoio da vosa entidade cubrindo o escrito de adhesión, para podermos continuar defendendo con máis forza cada vez esta iniciativa non só polo ben do medio ambiente senón tamén para os veciños, os axentes sociais e económicos e moi especialmente para as xeracións vindeiras.

Agardando poder contar co voso apoio, e ofrecéndovos a nosa propia colaboración en todas as vosas iniciativas coherentes cos nosos fins, recibide un saúdo cordial que facemos extensivo ao conxunto dos membros da vosa entidade.

+ info:

http://www.montepindo.org


Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.