Nace Surf and Clean unha nova iniciativa en defensa das nosas praias

O proxecto 'Surf and Clean' aspira a expandirse e estender a conciencia acerca do importante problema dos residuos nos océanos. A asociación sen ánimo do lucro Surf And Clean impulsa este verán un proxecto que trata de transmitir ás e os surferos un hábito sinxelo: "Sempre que vaias a surfear recolle algo da praia". Farao de maneira pioneira en Carballo, Costa da Morte, municipio de importante práctica surfera, con varias escolas de surf no seu litoral.

Surf And Clean aspira a converterse nun movemento colaborativo e de conciencia ao redor do importante problema do lixo que chega aos nosos mares e océanos. Tal e como indica o seu presidente David Blanco, nos últimos 40 anos produciuse máis plástico que en toda a historia da humanidade (fonte plasticseurope.org). Estes residuos non só teñen efectos perversos na fauna e na flora mariña senón que, ademais, acábanse introducindo na cadea alimentaria, chegando a nós de novo.

A pesar de que a iniciativa leva activa case un ano, despega finalmente este verán grazas á colaboración do Concello de Carballo e de todas as escolas de surf da praia de Razo-Baldaio, Surf & Rock, Art Surfcamp, 7 feet Surfcamp e Raz Surfcamp. A idea é crear nas e os surfeiros locais e nos novos surfeiros que se forman nas escolas un hábito duradeiro. Se eles dan exemplo moita xente copiará o xesto. Dese modo os surferos actuarían como prescriptores ante o resto da sociedade, ampliando a mensaxe a "Sempre que vaias ao mar recolle algo".

O obxectivo é que este hábito se converta nun movemento que se expanda a surferos doutras praias, que despois se somen outros deportes acuáticos (kite-surf, mergullo, windsurf, kayaking) e que finalmente chegue ao resto da sociedade. Ao longo deste verán levarán a cabo diversas accións, entre as que destacan talleres semanais nas escolas de surf, o concurso fotográfico "Colabora co movemento Surf and Clean" e a gravación da canción "Non botes ou lixo non mar".

Detallamos a relación completa de accións que se están desenvolvendo ao longo deste verán:

  • Pegar un adhesivo en cada táboa dos surferos locais ou aprendices que nos lembre recoller algo da area despois de cada baño.
  • Realizar talleres semanais nas escolas que inclúen: charla, vídeos e percusión con instrumentos construídos a partir de residuos mariños recolleitos nesa mesma praia.
  • "Colabora co movemento Surf And Clean" concurso fotográfico no que as fotos dos participantes se utilizarán para crear un símbolo en Razo-Baldaio. As 10 fotos mais votadas de cada rede social exporanse en Carballo e sortearanse 5 packs de premios entre todos os participantes. (Sudadera+parafinas) Poderá participarse a través de facebook, twitter e instagram. Ademais, seguindo o exemplo do "Legado de Tibu", pedirase ás persoas participantes que nomeen a outro tres para que participen.
  • Durante o mes de agosto gravarase con todas as persoas que asistisen aos surcamps a canción "Non botes ou lixo non mar" (Non tires lixo no mar) que é unha samba en galego que fará de banda sonora do movemento este verán. Pódese seguir o avance da gravación ou axudar a que sexa posible a través da campaña de crowdfunding.
  • Recollidas periódicas na praia de Razo-Baldaio.
  • Participación en festivais de música da zona (Sereas e Piratas, 2 Agosto)
  • Distribución de adhesivos en todos os comercios locais, aos que se fará participes para que eles á súa vez conten a iniciativa a outros. Trátase de que os surferos fagan de altofalante, pero de contar coa participación de toda a sociedade.

Tedes + info en:

http://surf-and-clean.com

https://www.facebook.com/surfandclean

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.