TOURIÑÁN e a COSTA DA MORTE – Chapapote e rochas

Tras seis anos do desastre acontecido co petroleiro “Prestige”, aínda se poden ver os efectos da marea negra na Costa da Morte, quizais a máis castigada de toda a xeografía galega. Entón as rochas parecían flotar nun mar ruín que se cebaba na terra, hoxe ese mesmo océano non foi aínda quen de liberala tintura pegañenta e contaminante do chapapote. Calas como a da fotografía feita onte mesmo, manteñen como un verniz os cantos tapizados en negro e ulíndoos se mestura neles o cheiro do petróleo confundido co do mar.

Ninguén merece un castigo como este por un pecado descoñecido. O cadáver do Prestige, afundido no Atlántico, a uns 200 quilómetros de Fisterra e estas rochas manchadas ten que facernos recordar que non foi un mal sono e ensinarnos o coidado co que temos que tratar o noso patrimonio natural, único tanto porque é o noso, o único que temos , como polo especial valor que ten o contorno costeiro galego.

A Costa da Morte, tan maltratada, tan ferida por todos, está condenada por algún delicto que descoñezo, de aí o acontecido cando o Prestige e a inutilidade humana lle obsequiou coa caricia da ondada densa, lenta e mortal de centos de toneladas de petróleo.

Son varios xa os intentos de rompela inocencia da terra, como si dun neno se tratara, de pervertela para que deixe de sela costa pura e única. Profanala cunha primeira fenda da que sairán outras moitas que a quebranten deixando para sempre aparcada a súa beleza.

Levantámonos estes días da cama cun agre sabor de boca, de chapapote mal dixerido, coa noticia difundida por case tódolos medios de comunicación anunciando que o novo goberno galego pensa retomar o vello, afastado, aínda que nunca eliminado plan acuícola en Touriñán.

Dí o que vai ser o próximo presidente da Xunta, que entre os seus praceres está o de viaxar e que pensa que coñece case que tódolos pobos de Galicia. Visitou entón vostede a Costa da Morte, asomándose ó miradoiro desa paisaxe dura e implacable de cantís que rematan en escasas caliñas protexidas?.

Estivo vostede en Touriñán?. Achegouse naquel novembro de 2002, cando o mar se tinguiu de sangue corrupto, negro e fétido?. Coñecerá entón o padecemento da terra por sobrevivir á especulación, que valora máis os fondos que se obteñen dela que a súa supervivencia.

Fonte orixinal:

http://sghnferrol.blogspot.com/2009/03/tourinan-e-costa-da-morte-chapapote-e.html

{fcomments}

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.