O colectivo Noia Limpa pecha o ano con catro saídas de limpeza e máis de 300 quilos de lixo recollidos


O colectivo Noia Limpa, formado neste ano 2021 por persoas de Noia interesadas na rexeneración de espazos degradados polo lixo, pecha o seu primeiro medio ano de vida coa recollida de máis de 300 quilos de lixo.

En total, desde que comezou a súa andaina pola primavera de 2021, realizáronse catro saídas grupais e cinco minisaídas de diferentes membros do colectivo. A máis importante destas saídas foi a realizada o 18 de setembro na praia de Testal, coincidindo co Día Mundial das Limpezas. Nesta saída participaron máis de 40 persoas e recolléronse uns 180 quilos de lixo ao longo dos máis de 2 quilómetros de areal.

Ademais, nalgunhas das saídas tamén se realizaron obradoiros para os participantes nas limpezas, para os que se contou coa colaboración da asociación Adega Ecoloxismo e do Complexo medioambiental Serra do Barbanza. Un dos talleres foi sobre a sustitución de tóxicos no fogar, onde os asistentes ademais aprenderon a fabricar limpadores naturais para o fogar, e no outro realizouse unha caracterización do lixo que habitualmente se xestiona nas casas. Os obradoiros forman parte do programa de acción educativa do Complexo Medioambiental da Serra do Barbanza, O lixo desde o teu Concello.

Aínda que poida parecer que 300 quilos de lixo son moitos para catro saídas, hai que ter en conta que moitos dos enseres que se recollen apenas pesan (como os plásticos e microplásticos), pero si poden chegar a ser os máis nocivos, contaminantes e perigosos, como as cabichas de tabaco.

Outros enseres que se recolleron nas saídas foron restos de pesca e cabos, latas, botellas e cristais, poliespán, mascarillas e luvas de protección contra a covid, roupa e zapatos e outros máis asombrosos como unha rede de portería, un televisor, restos dun sofá (contorna do campo de fútbol de San Lázaro) ou una bolsa de plástico do Ecoma, un antiguo supermercado de Noia que leva pechado uns 20 anos.

Os próximos pasos en 2022

De cara a 2022 o colectivo ten pensado continuar cas súas saídas de limpezas de espazos público, a primeira está prevista para o día 29 de xaneiro (lugar aínda por determinar) e, unidos ás saída, continuar facendo obradoiros sobre cuestións medioambientais relacionadas, como poden ser papel reciclado, elaboración de productos naturais como pasta de dentes ou outros.

Outra das accións de 2022 será participar no Proxecto Ríos, promovido por Adega, que ten como propósito divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, e achegar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos. Consta de dúas inspeccións anuais de río, unha na primavera e outra no outono.

Aínda que o labor máis importante que o colectivo continuará ao longo de 2022 é o de facer concienciación medioambiental para o coidado da nosa contorna e para empregar os tres R (reducción, reutilización e reciclaxe) a través das súas redes sociais (están presentes en Facebook, Instagram e TikTok co usuario @noialimpa).

Noia Limpa

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.