Surf Campionatos Yael Peña e Elli Turner campións do Gromsearch RipCurl en Razo
Yael Peña e Elli Turner campións do Gromsearch RipCurl en Razo
Mércores, 02 Novembro 2016 09:35


O canario Yael Peña e a británica Ellie Turner son os novos campións europeos do Rip Curl GromSearch, tras conseguir a vitoria na final continental celebrada este martes na praia galega de Razo, Carballo (A Coruña). A calidade das ondas e o alto nivel de surf foron as notas máis destacables do evento, repartido en dúas xornadas competitivas, que congregou ás mellores promesas do surf de España, Francia, Portugal, Reino Unido e Italia.

Tras unha primeira xornada de toma de contacto na zona da Cabreira, a competición dispuña este martes as roldas finais da proba. O anunciado descenso da marusía obrigaba a desprazar a competición. Todo un acerto, pois as ondas non puideron brindar un mellor campo de xogo aos riders, que destaparon o seu mellor armamento sobre as ondas galegas. Xiros, aéreos e espectaculares carvings facían esquecer, por momentos, que os surfeiros na auga apenas tiñan cumpridos 15 anos.

O nivel foi subindo a medida que avanzaban as mangas. Coa disputa dos cuartos de final, chegábase a semifinais, ás que accedían: Diego Suárez (Canarias), Yael Pena (Canarias), Sexan Gunning (Cantabria) e Nadia Erostarbe (Euskadi). Unha das maiores sorpresas do campionato chegaba en semifinais coa eliminación do canario Diego Suárez a mans do wildcard do evento, Sexan Gunning. O cántabro, surfeiro máis novo do evento con 14 anos, despregaba todo o seu repertorio de manobras aéreas para deixar na cuneta ao tinerfeño, un dos favoritos.

Fronte ao mozo Gunning, a final masculina completábase con Yael Peña. A pesar do acusado descenso da frecuencia de ondas debido á subida da marea, ambos os surfers protagonizaron un bonito duelo, onde a elección de onda resultaría decisiva. Así, mentres o cántabro debuxaba ondas de 4 puntos, o tinerfeño atopaba boas ramplas nas que encadear xiros de 7 e 8 puntos, o que lle daba o triunfo final, coroándolle como campión europeo do Rip Curl GromSearch.

"Foi un ano difícil no que sempre fun segundo. Este é o meu último ano no circuíto e viña moi motivado. Agora estouno máis aínda despois de gañar. Vou adestrar moi duro para dalo todo na final mundial!", comentaba o emocionado campión.

A final feminina puxo fronte a fronte á vasca Nadia Erostarbe e á británica Ellie Turner, un bonito duelo de titáns, decantado desde un primeiro momento en favor da surfeira inglesa, sen dúbida, a máis completa de toda a competición.

"Estou moi contenta de gañar e de poder competir na final internacional coas mellores. Foi un campionato moi divertido con boas ondas e un ambiente perfecto", apuntaba a británica, que participará xunto a Yael Peña na final internacional do Rip Curl GromSearch, que se celebrará na primavera de 2017 nun spot World Class aínda por desvelar.


A magnífica climatoloxía e a coincidencia con día festivo converteron a praia nun magnífico escaparate para o numeroso público que se achegou até a praia de Razo para gozar coa conclusión do evento. "Tivemos ondas incribles e un tempo excelente durante estes dous días. Foi un escenario perfecto para que os rapaces desen un bonito espectáculo. Por intres déronme moita envexa", explicaba orgulloso Pablo Gutiérrez, director de vendas de Rip Curl España e experimentado competidor. "Os dous campións europeos seguro que van dar moita guerra na final internacional".

A animada entrega de premios do evento celebrouse en Art Surfcamp, onde a dirección técnica de Rip Curl programou diferentes actividades complementarias relacionadas co adestramento, a nutrición, a preparación física e, por suposto, o lecer.  

IP CURL GROMSEARCH EUROPEAN FINAL 2016 // Resultados:

Boys

1.- Yael Peña (España, Canarias)
2.- Sean Gunning (España, Cantabria)
3.- Diego Suárez (España, Canarias)
3.- Tiago Carrigue (Francia)

Girls

1.- Ellie Turner (Reino Unido)
2.- Nadia Erostarbe (España, Euskadi)
3.- Camila Costa (Portugal)
3.- Uhaïna Joly (Francia)

A final europea do Rip Curl GromSearch contou co apoio de EQ, Smith Optics, FCS, Gorilla, Citroën, Concello de Carballo, Art Surfcamp, Teiron Surfshop e Health & Sport.

{fcomments}

 
1 Vote

0 Comentarios

Engadir comentario


Completa o puzzle pra saber que non es un spammer
Cartel

Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Non mudar a configuración do teu navegador implica que aceptas o seu uso.

Acepto

Sobre Nós

Surf GZ é un xornal surfeiro que ten coma obxetivo promover e espallar a cultura da xente da praia pola Rede. Levamos traballando dende 2008 e levamos máis de 4.000 novas publicadas grazas ao traballo dos nosos colaboradores.

Colabora connosco!

Podes colaborar connosco como corresponsal ou fotógrafo enviando os teus artigos, fotos, vídeos, crónicas de campionatos e outros eventos. Estamos encantados de publicar os vosos traballos pra que cheguen a máis xente. Axúdanos!

As nosas Redes

Podes seguirnos nas Redes sociais onde estamos publicando e compartindo novas de seguido. Únete á conversa en: