O pasado sábado 14 de Outubro, organizado pola Federación Galega de Surf, celebrouse na ferrolá praia de Doniños a segunda edición da Copa Galicia de Bodyboard nunha xornada na que o sol, as ondas e o bo ambiente foron os protagonistas. Ondas potentes e condicións duras nalgúns momentos da xornada, fixeron esforzarse a todos os competidores para demostrar o seu nivel e alcanzar as fases finais.
Nas categorías junior, o galego Bruno Martín demostrou o seu gran estado de forma conseguindo a vitoria en Sub 16 por diante dos tamén galegos Álvaro Ramos, Iago Bértalo e Luís Tausin e tamén en Sub 18 por diante dos ferroláns Nano Couto, Javier Fidalgo e Ismael Bustabad. Na categoría de Dropknee saltou a sorpresa coa vitoria do local Sergio Menendez na súa primeira participación nunha proba oficial. Tras el, os galegos Iago Díaz, Yiyi Obenza e Jose Manuel Rivera.
Iago Díaz fixo o propio na categoría Open, realizando unha final moi sólida na que conseguiu sumar un total de 13,50 puntos, impóndose así aos tamén galegos Braís González (11,66 ptos) e Nacho García (6,83 ptos) e ao andaluz Jesús Suarez (6,50 ptos).
Despois desta segunda proba, o Circuíto Nacional de Bodyboard Open 2017 desprazarase a Tenerife en novembro para disputar a proba organizada polo Club Punta Branca na que se repartirán 1400 puntos moi valiosos para a clasificación xeral.