Concentración contra o recheo nas praias da Coruña

Máis info en: http://defendendoaspraias.wordpress.com/

Nestes días Dragados pechou a praia do Orzán para comezar os prolegómenos das obras. En varios xornais apareceron longas noticias sobre o asunto e mesmo fotos do responsable de Costas e da concelleira de Medio Ambiente gracilmente acobadados no paseo marítimo.

Pero a información que se nos transmitiu non nos chega.

Para comezar, parécenos importante falar do xeito como se están a preparar e como se está a informar do desenvolvemento das obras. Segundo a prensa, nin tan siquera o Concello fora informado cando a empresa constructora pechou a praia do Orzán. Porque esta é a praia por onde pretenden comezar, aínda que hai un par de semanas, a prensa informaba de que a primeira praia afectada ía ser Riazor. Nada estraña, unha vez que que hai un mes as obras ía durar 14 meses e en cousa de 10 días descubriron un método revolucionario de transportar os áridos que ía facer todo máis sinxelo e, dese xeito, ter os areais abertos para o comezo do verán (no caso de riazor, orzán e matadero, porque san amaro xa vai quedar para despois do verán). E todos estes cambios de plantexamento, este acurtamento do proceso, non vai modificar o custo da operación que vai seguir sendo de 8.5 millóns de euros, segundo os xornais. Esas son as milagres da economía.

Non nos basta a información porque nós o que estamos a reclamar é que se nos dean as razóns que fundamenten unha obra faraónica como esta e, polo momento, non recibimos respostas ás esixencias, aínda que o señor Eimil estivo a falar estes días cos periodistas.

Na entrevista o señor Eimil fala de varias cousas que quereríamos precisar:

O recheo do ano 1988 non se podería ter feito hoxe en día porque a normativa vixente sobre granulometría impide que a area aportada sexa distinta da orixinal da praia. Agora, os cálculos de granulometría están feitos baseados na area de canteira que xa trouxeran no ano 1988 e, polo tanto, se está a causar de novo o mesmo dano ilexítimo. “la de ahora está lavada y cribada. más fina de la que está actualmente”. Pois, a verdade, pode que estea lavada, dúas, tres ou  vinte veces, pode que sexa cousa da lavadora, pero as pedriñas que vimos no Centenario, son máis grandes cá area que hai agora nas praias e deixaba a man brillante de mica e toda cuberta de pó. Facemos invitación pública ao señor Eimil e a todo aquel que lle interese para que vaian comprobalo no peirao do Centenario (incluso, para aqueles que teñan problemas de mobilidade, ofrecémonos a enviar unha mostra por correo postal).

Fala de seguridade e parécenos interesante a primeira parte da súa afirmación:”sería una responsabilidad grave no prever que el paseo se defienda de una forma medioambientalmente positiva”, pero lamentantablemente o fastidia cando chega á explicación do que el entende por iso: “es decir, echándole más arena a la playa”.

Antes de nada, cómpre que recoñeza que a forza que colle o mar vén causada polo tipo de area que se aportou no ano 88, que é unha consecuencia das obras de recheo nas que participou naquel tempo. Así o indica o proxecto.
Para seguir, vai contra o sentido común causar esta desfeita para protexer unha barandilla do paseo marítimo, no canto de buscar outro tipo de solucións máis interesantes ecolóxica,económica e paisaxisticamente.

E a afirmación primeira contradícese coa súa afirmación: “la biodiversidad existente surgió en el arenal en el relleno del 89″. Co que está a indicar que antes non había, ou de xeito implícito, está a confirmar o que tantos ecoloxistas veñen a denunciar desde hai tempo: que os recheos causan daños irreparables á biodiversidade. Por sorte, a vida puxa sempre por saír adiante. O que tememos é que se perda a biodiversidade recuperada nestes vinte anos porque así o quere unha arbitrariedade “medioambiental”.

Por último, falar de seguridade e non analizar pormenorizadamente como van afectar as obras ás correntes, cando hai moitos cidadáns que se bañan nas praias durante todo o ano si que pode ser considerado unha irresponsabilidade.

O señor Eimil di que o mar non se vai levar a area e iso, no mellor dos casos, só é unha verdade a medias. O propio proxecto fala de incorparar  50 e ata 75 metros de area nas partes das praias onde a dinámica litoral é máis forte, porque se asume que o mar vai levar boa parte dela. Así que boa parte do caolín si que o vai arrastar o mar e probablemente máis aínda cando cheguen as mareas vivas. E daquela, con toda esa area en suspensión, teremos baños de augas brancas- que non paradisíacas. Suban ou non suban este verán a bandeira azul ao alto do mastro, dubidamos da idoneidade da auga con esa area en suspensión.

Desde Defendendo as praias consideramos que NON É NECESARIA ESTA OBRA e que AS RAZÓNS QUE SE ESTÁN A ADUCIR NON XUSTIFAN ESTE DANO AO MEDIOAMBIENTE E Á PAISAXE, ESTA LIMITACIÓN AO USO DOS AREAIS, ESTA MODIFICICACIÓN DAS CONDICIÓNS DO BAÑO E ESTE GASTO ABSURDO. Vimos de denunciar estas obras ante as distintas administracións competentes e asimismo presentamos alegacións ao PXOM da cidade. Reclamamos a paralización das obras, que se fagan públicos os informes medioambientais relativos a este recheo e que se considere o abandono deste proxecto.

Por iso seguiremos a saír ás rúas a protestar contra esta arbitrariedade. Este venres, 12 de marzo, reunirémonos no Obelisco ás 19.00 horas.

As boas palabras non nos chegan.

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.