O Rock&Long Festival está de volta e faino por todo o alto para celebrar unha edición moi especial: a súa décima edición. Unha década despois de aquel primeiro encontro, o festival quere render homenaxe á súa propia historia e, sobre todo, ás máis de 200 persoas que ano tras ano fan posible que esta reunión entre amigos siga medrando.
O que comezou como unha pequena xuntanza semifamiliar de arredor de 50 persoas converteuse nunha cita que xa supera os 200 participantes, mantendo intacta a filosofía coa que naceu: celebrar a unión entre o surf, a música e a amizade.
Para esta décima edición, a organización quixo mirar cara atrás e recuperar parte da esencia do primeiro Rock&Long. Así, tres das bandas que participaron naquela primeira edición volverán subir ao escenario.
O venres, desde A Guarda, estarán Santos Morcegos e The Pretty Shirts, mentres que o domingo, en sesión vermú, chegará o momento de Los Wavy Gravies. Entre medias, o sábado pola noite, a música continuará con Mascada e Thee Blind Crows, completando un cartel formado integramente por bandas da casa.
SURF, COMIDA E FESTA
As inscricións para participar no campionato xa están abertas. Os participantes deberán indicar a categoría na que competirán e a talla da camiseta e realizar o pagamento en efectivo no Kannion.
As inscricións poderán formalizarse o venres 25 ou o sábado 26 pola mañá, antes de saír cara á praia. Nese momento entregarase tamén todo o material incluído na inscrición.
O prezo é de 35 euros e inclúe:
- Participación no campionato de surf.
- Bocadillo, auga e froita durante a xornada na praia.
- Churrasco pola noite no Kannion.
- Camiseta oficial do Rock&Long Festival.
Dez edicións despois, o Rock&Long segue mantendo a mesma esencia: xuntar xente, surfear, escoitar música e celebrar xuntos unha forma de entender a cultura do surf.
Unha década, máis de 200 participantes e unha historia que continúa escribíndose entre ondas, guitarras e amigos.
