Lombok: Surf & Mafia

Lombok é unha illa de piratas que nada ten que ver co que coñezamos de Indonesia. Nesta illa cercana a Bali o tema surf está moi ben organizado por mafias locais en Kuta Lombok, Gerupuk e Awang que controlan perfectamente os accesos aos spots de Gerupuk e Ekas. En Kuta Lombok teñen a súa propia mafia local organizada en pequenas tendas de información de surf con guías locais que son expertos en non falar ata que lles pagas algo de diñeiro.

Manu en Ekas

O peor non é que estes grupos de piratas teñan o control do surf nas praias, o peor é que ademais de facer negocio contigo, vante enganar e roubar se non andas con ollo. Os seis días que andivemos pola zona falamos con xente que tivo moitos problemas: un italiano ao que lle estafaron 150.000 rupias por un barco que nunca chegou, unhas mozas españolas que foron enganadas polo seu guía local pra que pagasen un arranxo na moto que era inexistente e nós sufrimos o roubo de material de mergullo e quillas de surf e un intento de estafa nun restaurante en Kuta Lombok. Nas praias é moi habitual o roubo de todo o que deixes na moto, no coche ou na toalla.

Desta vez compartimos ondas e mesa cunha parella de surfeiros asturianos, Manu e Lucía que levan 3 meses viaxando por Indo e que coñecimos en Turtles a primeiros de mes.

En canto ao surf, temos que dicir que esta illa é máis adecuada para o Kite ou Windsurf que para facer surfing xa que o vento onshore foi unha constante na viaxe as 24 horas do día. Soamente Ekas ten unha posición adecuada pero o acceso por estrada é complicado e tes que chegar en barco pasando por Awang, os mariñeiros desta vila piden cantidades enormes de diñeiro e son bastante perigosos se non aceptas os seus prezos ou queres rebaixar a cantidade inicial.

Solpor en Lombok

En Gerupuk, collimos boas ondas pero sempre un pouco tocadas de vento e por suposto previo pago de bote ás mafias locais da vila que non permiten compartir barco entre descoñecidos ademais de subir o prezo do barco segundo a cantidade de persoas que van subiren.

Inside Left en Gerupuk

Botes de aluguer e o bar flotante da bahía de Gerupuk

Inside Right en Gerupk

Lucía

O Pico de Ekas

Ekas foi o mellor baño sen dúbida pero o motor do barco tivo problemas e perdimos o punto de marea adecuado.

Maui é unha praia de ondas moi rápidas que precisan de pouco mar.

Maui

Finalmente, fartos de tanta mafia surfeira optamos por seguir os consellos dun bo amigo e marchamos cara Desert Point, unha das mellores ondas do planeta. Esta esquerda rápida que rompe enriba do reef é moi complicada e tes que ser un maquinón pra baixala e coller a velocidade necesaria pra poder correr o tubo.

Cartel de benvida :)

Puro espectáculo!

A onda rompe moi perto do reef

Este día o mar era frouxo pero entraban boas series que ofreceron un espectáculo considerable cando os riders lanzábanse a polas ondas.

A derradeira sección


Desert Point

Se despois de ler esta crónica aínda pensades en viaxar a Lombok tede moito coidado!

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.