Crónica hawaiana do Patos Surf Club

O 6 de outubro comezamos a nosa viaxe cara a Oahu (Hawai) catro surfeiros dos Patos Surf Club, entre eles Jose Vázquez (Fefa), Patrick Vilán, Natalia Silva e Diego Armada. Nada mais chegar á casa que alugamos para todo un mes a dona comentounos que en catro días ía entrar un dos primeiros swells de inverno na North Shore, 15 pés. Tivemos que esperar até ese día pero o día chegou. 8 pés en Pipe e para o noso asombro pouca xente na auga.

A partir de aí o mar portouse durante unha semana na que puidemos catar diferentes ondas da North Shore e flipar co nivel dos hawaianos. Sesións incribles de Fred Patachia, Sunny García e os locais de Pipe, John John e Jaime O´Brien.

A pesar dos comentarios que sempre se escoitan sobre a North Shore non houbo moita masificación. Poida que fose porque até mediados de novembro non chegan os pros para competir no Triplo Crown, aínda que coincidiu o X-cel pro e non se notou moito o aumento de surfeiros. Menos en Sunset claro. Pode ser tamén que os locais estivesen nalgún outro spot con mellores condicións. Non o sabemos.

En canto a agresividade local refírese os máis novos loitan polas ondas pero non hai problema se ven que a túa actitude é tranquila e estás a che comportar. Aínda que sempre hai algunha saltada. O que lles molesta realmente é que se lles salte unha onda ou que haxa xente molestando no inside. Como en calquera parte.

Os longboarders entrados en anos estaban moi relaxados na auga charlando cos colegas e deixándonos remar boas ondas no pico.

A calor das illas e as boas ondas fan que se faga vida na praia. Pais, fillos e mesmo avós gozan das ondas e fomentan o surf con campionatos infantís e clubs de surf cuxo principal obxectivo é pasalo ben surfeando con amigos e gozando da praia. Tivemos a sorte de ver un destes campionatos e era como unha película.

 

As familias e clubes agrupábanse en carpas cada unha coas súas churrascadas preparadas, nenos desde catro anos surfeando e exhibición de tandem surf con pais e fillos. Todo un espectáculo. Era unha verdadeira festa do surf. O que impresiona non é só o campionato senón que en calquera fin de semana pódense ver ás familias celebrando aniversario nos parques das praias ou clubs de amigos preparando a comida despois dunha sesión.


Outros catro días sen ondas e aproveitámolas para percorrer un pouco a illa. Parques naturais, volcáns alagados e convertidos en reserva natural onde se pode mergullar, a mítica praia de Waikiki, Peral Harbour, Honolulu, etc.

Máis adiante tivemos boas sesións en Haleiwa onde nunha delas as ondas superaban os dous metros con tartarugas mariñas sacando a cabeza de cando en vez e Rocky Point con ondas redondas de 1 metro.

A final da viaxe preparounos unha sorpresa en Pipeline. Estaba perfecto!. Nunha unha hora vin romper unhas 10 táboas e a un surfeiro que tiveron que rescatar inconsciente da auga e cunha perna fracturada. A verdade é que mete medo. Cando estás no pico e ves para abaixo é tan cristalina a auga que ves o arrecife coas súas covas e os peixes nadando por dentro. E de súpeto, de estar todo o mar tranquilo, aparecen no horizonte unhas liñas.

Unha viaxe onde te empapas de surf.  Hawaii é un lugar paradisíaco onde se mestura a cultura hawaiana coa americana, postas de sol impresionantes e moitas posibilidades de ondas boas ao redor de toda a illa.

Este artigo foi escrito por Diego Armada

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.