Crónica do Campionato de Sabón - FGS

Diego Álvarez, Delia Salgueiro e Alberto Gundín foron os campións na 1º Proba Infantil e Xuvenil de Surf e Bodyboard celebrada o sábado na praia de Sabón. Finalmente a proba celebrouse no areal de Sabón ao non reunir a praia de Barrañán, lugar no que estaba programada, as condicións adecuadas. O campionato realizouse durante a xornada do sábado, a pesar de que deu comezo con media hora de atraso con respecto ao horario previsto por problemas técnicos co sistema eléctrico.

SABON SURF

Á primeira hora da mañá, a dirección de competición reuniuse en Barrañán para facer unha última valoración das condicións de mar, onde se constatou que as series entraban demasiado grandes para unha competición de categorías infereriores, e trasladouse o campionato a Sabón. A baixamar, cun gran coeficiente de marea, e o vento, fixeron que a xornada de mañá fose complicada para os surfeiros, que mesmo neste contexto desenvolveron un bo surf, algo lóxico cando na auga hai xente do nivel da ferrolá Yolanda Rodríguez, do pontevedrés Nacho Guisasola, do vigués Lalo Díez, ou do coruñés Diego Álvarez, entre outros moitos.

SABON SURF

Pola tarde, coa marea subindo, as series entraron un pouco máis ordenadas, pero as condicións continuaron sendo difíciles, cun intenso vento variable, que empezou moi frontal ás ondas e acabou entrando de lado, e unhas ondas que en ocasións superaban o metro e medio de altura. As series non daban moitas alternativas, con ondas que poucas veces abrían, polo que se viu un surf de pouco percorrido que obrigou aos competidores a xogarse os puntos con poucas manobras, case sempre rápidas e definitivas.

SABON SURF

SABON SURF

Resultados do evento

Na categoría de surf xuvenil masculino, a final disputouse na zona da dereita da praia a petición dos participantes, e a decisión non puido ser máis acertada. Máis protexidos do vento, os surfeiros puideron coller as ondas máis longas do día coa posibilidade de numerosas manobras por onda que fixeron da final un gran espectáculo con gran nivel de surf. O coruñés Diego Álvarez, que saíu recentemente dunha grave lesión que lle tivo apartado da auga seis meses, levou a final e o campionato, por diante do vigués Lalo Díez, de Luís Ansín, terceiro, e de Roi Fernández, cuarto.

SABON SURF

Diego Álvarez, que xa foi campión junior o ano pasado, mostrouse moi satisfeito da súa actuación, e confesou que saíu fortalecido da súa lesión. "Ás veces mellórase despois dun período de inactividade. A nivel psicolóxico, pode mellorarche o estar afastado unha tempada", declarou. Tamén destacou o gran nivel que haberá este ano no circuíto con surfeiros como Lalo Díez, e acordouse dos que veñen con forza en infantís, como Nacho Guisasola.

En surf xuvenil feminino houbo sorpresa e gañou a ferrolá Delia Salgueiro, por diante de Isa Gundín, segunda, e da ferrolá Yolanda Rodríguez, que partía como favorita e só puido ser terceira. O cuarto posto foi para pontevedresa Itziar Guisasola.

En surf infantil masculino o gañador foi o coruñés Juan Fernández López, por diante de Ignacio Guisasola, segundo, e de Carlos Álvarez e Alberto Mosquera,
terceiro e cuarto respectivamente.

O pontevedrés Alberto Gundín foi campión en bodyboard xuvenil masculino, por diante de Carlos Lorenzo, Raúl Martín e de Carlos Megino. As características das ondas en Sabón non eran as máis propicias para o bodyboard, con paredes bastante tendidas e seccións que pechaban, pero na final púidose ver algunhas manobras de calidade, e Alberto Gundín soubo impor a súa clase.


Satisfacción da Organización

O presidente da Federación Galega de Surf, Jose Rodríguez "Silfo", que quixo pedir desculpas aos participantes polo atraso inicial debido a problemas técnicos, mostrou a súa satisfacción, e explicou o cambio de praia. "Pola mañá fomos a Barrañán a botar unha última ollada, pero estaba intratable. O mellor para todos era celebrar o campionato en Sabón, e demostrouse que foi unha boa decisión: as condicións, sen ser as mellores foron bastante boas, e creo que vimos un bo nivel en todas as categorías".

Pola súa banda, Robert López, director da Sandspit Surf Club da Coruña, coorganizador do campionato, destacou a alta participación na proba, con máis de 50 surfeiros procedentes de toda Galicia, e cualificou ademais de acertada a decisión de trasladar a proba a Sabón.

SABON SURF

SABON SURF

SABON SURF

SABON SURF

A próxima proba do Circuíto Galego Infantil e Xuvenil está prevista para os vindeiros días do 14 e 15 de abril na praia de Patos, no Concello de Nigrán.

Fonte da nova:

http://www.fgsurf.org/

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.