Novo comunicado do Concello de Valdoviño sobre a celebración do Pantín Classic


O Concello adoptará todas as medidas precisas para manter o Pantín Classic en Valdoviño, patrimonio dos seus veciños e veciñas.

Coa declaración institucional sobre o Pantín Classic aprobada por todos os grupos municipais da corporación en man, e rodeado de concelleiros e concelleiras, o alcalde, Alberto González, saía publicamente aos medios para dar a coñecer a postura do Concello de Valdoviño sobre a celebración do Pantín Classic fóra do termo municipal.

Ao acto, celebrado na Casa da Cultura, acudiron tamén representantes das escolas de surf locais, da hostelería, da restauración, de empresas vinculadas ao surf, entidades veciñais e veciños e veciñas en particular. Alberto González insistiu en que o Pantín Classic é patrimonio de todo Valdoviño e que a decisión anunciada pola organización constitúe un órdago froito da querencia empresarial e política que, seguramente, rematará o 26 de maio. Explicou que a corporación municipal actual, todos os grupos que forman a corporación, defenden a celebración en Pantín, así como o Océano Surf Club, propietario da marca.

Sinalou que, a día de hoxe, o Concello non ten ningunha comunicación oficial da Xunta de Galicia sobre as novas condicións do evento, como tampouco a ten por parte da organización, que tan só cursou unha reserva de praia para a celebración dun evento diferente ao Pantín Classic. Ademais, insistiu en que se tomarán as decisións que fagan falla en defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Valdoviño en relación a un evento fundamental para a dinamización da economíae do turismo do Concello.

Así mesmo, Alberte Ameneiros, voceiro do BNG, asegurou que dende hai xa a lo menos 15 anos o seu grupo ve como o nome de Valdoviño foi baixando de intensidade no Pantín Classic, con intentos de vinculalo a Ferrol ou Ferrolterra. Mostrou a súa incomprensión por este feito e por iso insistiu na necesidade de que Valdoviño estivese máis presente. Denunciou tamén que ao gañar peso a Xunta de Galicia como patrocinador a situación foise agravando. Asegurou que os grupos municipais están unidos en cuestións clave para a veciñanza e, esta, é unha delas. Ademais, asegurou que os intentos de levar o Pantín Classic fóra de Valdoviño responden a cuestións económicas e políticas, e cuestionou tamén o momento no que sae a información. Por último, considerou a situación como un ataque tanto aos veciños como ao traballo e xenerosidade que demostraron ao longo do tempo. Concluiu ratificando a intervención do alcalde e asegurando que non se vai parar ante algo inadmisible.

Alberto González considerou a noticia avanzada onte como precipitada e sorprendente e insistiu na necesidade de aclarar a situación por parte do Concello, así como unha postura que xa fora trasladada nunha declaración institucional aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais a proposta

O primeiro, Alberto González, aclarou que se é Pantín Classic é Valdoviño e se é Valdoviño é Pantín Classic. Así foi a súa orixe e a súa evolución. Grazas ás persoas que creron en Pantín e dos veciños e veciñas da parroquia, administracións e traballadores municipais que «traballaron tamén para que así fose, convertindo a proba nun elemento diferenciador e de futuro para o noso Concello».

Lembrou que nos últimos once anos o creador do Pantín Classic, o Océano Surf Club, como propietario da marca do evento, trasladou a unha entidade a organización. Sinalou que «é palpable que se desenvolveu dende o punto de vista deportivo, pero tamén económico e turístico, chegando en 2017 a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia o primeiro evento deportivo da Comunidade con esta consideración-. Unha declaración que vai, irremediablemente unida a un territorio, a un espazo».

Nos últimos anos, González apuntou que os grupos municipais expresaban pleno tras pleno que o Concello estivese máis presente no evento, xa que dende a organización se reducía a representación. Incluso nin aparecía nos carteis o nome de Valdoviño nin o escudo, así como que se limitaba a presenza institucional. Cuestión que os grupos coincidían en que debía variar. Así se lle trasladou á organización.

O alcalde explicaba que o Concello respondía aportando, non só dende o punto de vista económico: o principal Valdoviño aporta a praia; zona de aparcadoiro, (cen mil metros cadrados cedidos polos veciños e veciñas); recollida de lixo, aportación de auga; instalacións municipais na praia; ampliación dos efectivos de salvamento e socorrismo, os servizos de Policía Local, Protección Civil e traballadores municipais, facilitando a tramitación administrativa. Documentación que antes non se requería e nos últimos anos si..

A orixe máis recente

O alcalde explicou que o Concello ten a primeira noticia sobre o Pantín Classic 2019 na presentación da cita no 2018, na que se di que se ampliará a magnitude e categoría. A partir de aí non hai contacto algún coa organización ata que se lle comunica a través da Xunta de Galicia a presentación do evento en Fitur o 23 de xaneiro, a onde acude o Concello para mostrar o seu apoio. «Sorprendeunos que non se fixese mención ao desenvolvemento da competición nin a Valdoviño nin á praia de celebración», apunta.

Engade que «a realidade é que non tivemos máis coñecemento sobre o evento». Xurdiron rumores sobre o posible traslado da proba a Doniños, cuestión da que se leva falando toda a vida, segundo apuntou o alcalde. En todo caso, o Concello solicitaba unha reunión co conselleiro de Cultura, e este remitía a mesma ao delegado territorial, quen aseguraba descoñecer o tema. Neses días, Alberto González explica que «a organización solicita ao Concello unha reunión, trasladándolles a súa intención de celebrar en Doniños e Pantín a proba porque así a Xunta elevaría a aportación económica, cuestión que desminte o xefe territorial. Un interese en Doniños que se da precisamente pola vía comercial».

O Concello trasládalle á organización que a decisión sobre o Pantín se ía tomar en pleno, no mes de abril, porque considera que é un tema de Concello. Invítase á organización a trasladar unha proposta e esta pide intervir en pleno, cuestión que se acepta. Neses días entra a solicitude para reservar a praia de Pantín para celebrar un evento con diferente denominación. A resposta do Concello é que a praia está reservada para a celebración da XXXII edición do Pantín e requírese documentación para aclarar a que evento se refiren. A día de hoxe non hai contestación. Paralelamente reitérase a petición de reunión co conselleiro, pola que a día de hoxe tamén se espera.

O pasado xoves, víspera de festivo, ás 14:05 horas, o Concello recibe un email do clube organizador cunha invitación para a presentación dunha cita diferente ao Pantín Classic á que estaban convocados tamén representantes da Xunta, Deputación e tamén o rexidor de Ferrol. «Queríannos vender que Valdoviño ía ser a segunda praia dun evento que non coñecemos. Invitación que ignoraba o escudo municipal de Valdoviño», apuntou González.

E engadiu: «A Xunta foi á xuntanza tendo coñecemento da declaración institucional aprobada en pleno coa unanimidade de todos os grupos políticos (PSOE, PP, BNG, Centristas e Unidos por Valdoviño). Un pleno que representa aos máis de 6.000 veciños e veciñas do municipio. O Concello remitiulla previamente».

Ademais, González expuxo que o Océano Surf Club é o propietario da marca e só deixa uso dela co obxectivo de celebrar unha proba de carácter internacional, en Pantín, e que se chame Pantín Classic. O incumprimento levaría a decaer o convenio. Ao respecto, o alcalde apuntou que Concello e clube están en conversas sobre este tema.

Por último, o rexidor sinalou que «se se quere facer unha competición en Doniños, non hai problema, pero non se pode dicir que é a XXXII edición dalgo que non existiu nunca. Valdoviño conta cun amplo número de areais para recurrir a eles en caso de que fose necesario. Sen ir máis lonxe, A Frouxeira acollerá en xuño a celebración do Campionato de España de Surfing, por segundo ano consecutivo e despois de que o pasado ano a Federación Española recibise a denegación do permiso para desenvolver a cita en Doniños. Pero que ademais de A Frouxeira, Valdoviño ten Vilarrube, ten Meirás... Por tanto, temos capacidade para celebrar o evento en calquer praia vinculada ao surf».

Fonte da nova:

https://www.facebook.com/concellodevaldovino/posts/1555622417903499

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.