Este sábado vaise celebrar o Coruña Big Waves no Portiño


Coruña big Waves

Este sábado 19 de febreiro a cidade acollerá o Coruña Big Waves, campionato internacional de ondas xigantes que decidirá o campión nacional e autonómico de dita modalidade. As previsións meteorolóxicas son as idóneas para os e as deportistas grazas ao tren de borrascas que impactará desde este xoves na península.

Será a primeira edición deste evento impulsado polo Concello da Coruña. Hai xa 30 surfeiros confirmados para o sábado. A competición comezará ás 8.30 e rematará arredor das 16.00 horas, dando paso á entrega de trofeos. Antes, este mesmo xoves, haberá un adestramento no Portiño.

As ondas grandes son un fenómeno natural que cada día chama a máis adeptos, seguidores ou practicantes, ao longo da costa española. Dentro dos case 8.000 quilómetros de costa que contamos na península, a comunidade galega converteuse nun lugar de referencia nesta modalidade xa non só a nivel nacional senón tamén internacional.


A onda do Portiño

Na cidade da Coruña, a onda do Portiño, como afirman os que a coñecen ben, é unha esquerda moi potente e extensa na que é necesario adestrar para saber surfeala. Eric Rebiere, especialista en ondas grandes e descubridor do Portiño xunto ao galego Juan Fernández, comenta que "agora mesmo no mundo non hai ningunha onda así de grande nun centro urbano como A Coruña. A posibilidade de que a xente poida chegar practicamente andando desde as súas casas é espectacular".

Rebiere é coñecedor desta onda desde hai moitos anos e asegura que "O Portiño ten un pico bastante definido, polo que é unha onda de fácil posicionamento, o que axudará aos competidores da proba para baixar ondas moi grandes", comenta o surfeiro francobrasileiro e residente na Coruña.

Para o coruñés Juan Fernández, actual campión de España de ondas grandes e un dos surfeiros que mellor a coñece, a onda do Portiño "é unha onda difícil, pero con moito potencial e á beira da miña cidade, onde estaría moi ilusionado de competir".

O lanzamento da primeira edición do Coruña Big Waves é unha aposta do Concello da Coruña co asesoramento técnico nesta modalidade tan específica por parte de After Surf, a Federación Española de Surfing e a Federación Galega de Surf. Coruña Big Waves, ademais de ser un campionato internacional, pon en disputa os títulos de campión de España e campión de Galicia e sitúa á cidade da Coruña no calendario internacional de ondas grandes.

Pódese consultar toda a información a través da páxina oficial www.surfing.es e nas redes sociais de Coruña Big Waves e da Federación Española de Surfing.

Fonte da nova: https://www.coruna.gal


Artigos recentes:

Estado do Mar

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.