Boa Viaxe Juan Abeledo!

Esta semana recibiamos a triste noticia do falecemento de Juan Abeledo Caridad. Juan ostenta o mérito de ser o primeiro surfeiro de Doniños, o seu primeiro local. Tamén, xunto ao seu pai, o primeiro en prestar o servizo de socorrismo na praia de modo voluntario. Xa non terá límites para coller as ondas que tanto botaba de menos.

“Antes de coñecer o surf, a miña relación co mar viña de vivir na praia e da pesca submarina, da cal aprendín todo do meu pai. Con el descubrín os segredos da costa que discorre entre Outeiro e a Isla Gabeira.

Un día, un compañeiro do meu pai no estaleiro tróuxolle de Estados Unidos un exemplar da revista Surfing. Ao meu pai entusiasmábanlle as imaxes da revista, e estaba unha e outra vez co tema do surf. As ondas que aparecían eran como as que viamos romper en Doniños, polo que concluímos que o que facían esas persoas tamén se podía facer na nosa praia. Sentín entón as ganas, por non dicir a necesidade, de coller eu tamén ondas. Só había que facerse cunha táboa. Pero o difícil era lograr unha. Mentres non chegaba a oportunidade, lanceime a coller ondas coas miñas aletas de mergullar e o corpo. Ás aletas seguiulles un colchón inchable. O último paso deino en 1972. Estaba a facer a mili e, a través de varios compañeiros de Cantabria, souben que alí xa se practicaba surf. Aproveitando un permiso, e cos aforros dun ano, fixen autostop ata Santander. Alí os meus coñecidos puxéronme en contacto coa xente que surfeaba, aos que comprei a miña primeira táboa por algo máis de mil pesetas”.

A historia completa de Juan nas notas da nosa web en @librosdeloceano. Juan será un dos protagonistas de #otromar o libro que conta as orixes do surf en Galicia e que este outono publicará esta editorial.

Texto e foto grazas a @librosdeloceano 

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.