A praia de Pantín, no ccello de Valdoviño, amenceu baixo unha densa néboa que obrigou a que a competición tivese que ser suspendida. Afortunadamente, o sol foi facéndose aos poucos paso entre as nubes, permitindo que se desenvolvesen as mangas cunhas condicións de ondas xa propias da época estival, en torno ao metro.
Outras sete finais en diferentes modalidades e categorías protagonizaron a terceira xornada de competición, completando un apaixonante Campionato de España por Equipos Autonómicos que coroou á selección de Canarias como campioa, revalidando o título obtido o ano anterior, sumando xa un total de nove vitorias das once edicións celebradas.
Tras o equipo canario, o podio estivo formado por Asturias en segundo lugar, Galicia como terceira, Cantabria cuarta, Murcia quinta e Cataluña, pechando a clasificación xeral, en sexto lugar. O broche a esta xornada festiva púxoo unha animada cerimonia de entrega de medallas e trofeos.
Resultados Finais:
Canarias – 22.770 Ptos.
Asturias – 20.343 Ptos.
Galicia – 20.220 Ptos.
Cantabria – 18.863 Ptos.
Murcia – 16.650 Ptos.
Cataluña – 16.610 Ptos.
A competición continuará durante os próximos días na praia de Pantín coa disputa do Campionato de España de SUP Ondas, o Campionato de España de Surf Junior e o Campionato de España de Surf Open.
O Campionato de España de Surfing está organizado pola Federación Española de Surfing e conta co apoio do Concello de Valdoviño e a Deputación da Coruña.