Carla Morera De La Vall e Francisco Ordoñhas vencen no Edommo Junior Pro Razo presentado por Espazo Nature e disputado en ondas divertidas de entre un e dous pés, poñendo o broche final á penúltima parada do WSL Europe Junior Tour.
Carla Morera De La Vall (ESP) volveu demostrar intelixencia e talento sobre as súas rivais para levar a súa segunda vitoria da tempada no circuíto JQS. Con só 14 anos, a catalana mostrou unha gran madurez na súa forma de competir en Razo, sabendo remontar en varias mangas e gañar sen deixar que a presión lle pasase factura. Ademais, este triunfo dálle máis marxe como líder do ranking.
“É incríbel ter non só unha, senón dúas vitorias esta tempada”, sinalou De La Vall. “Dame moita confianza e estou moi ilusionada co próximo evento en Marrocos. Clasificarme para o WSL World Junior Championships foi sempre o meu obxectivo número un, e creo que co lugar que ocupo no ranking teño unha boa oportunidade de conseguilo, así que estou super motivada co que vén”.
A final feminina foi un auténtico pulso entre De La Vall e Maria Dias (POR). A portuguesa abriu pronto o marcador cunha primeira onda sólida, pero De La Vall respondeu inmediatamente. Dias mantívose activa buscando mellorar a súa segunda puntuación, mentres que Lilou Rumiel (FRA) adoptou a mesma estratexia de coller moitas ondas. Pola súa parte, Enara Palacios (ESP) optou por agardar ás mellores opcións. A pesar de que Dias conseguiu subir a súa puntuación, De La Vall atopou unha gran onda na parte final e exhibiu un surf rápido e potente que lle deu a mellor nota da manga, superando a súa rival por unha marxe mínima.
De La Vall xa viña de superar con autoridade a súa semifinal fronte a Rumiel, acadando así a súa terceira final da tempada. Para a francesa, en cambio, foi o mellor resultado da súa carreira júnior, logrando por primeira vez superar os cuartos e entrar nunha final JQS no seu último ano na categoría.
Na outra semifinal, Enara Palacios (ESP) brillou cun total de 13.60 puntos, superando a Maria Dias (POR) e deixando fóra á número dous do ranking, Maria Salgado (POR). Con este resultado, Palacios asinou tamén a mellor marca da súa carreira, logo de tomarse un ano de descanso das competicións WSL. Pola súa parte, Dias volveu repetir final en Razo, logo de lograr aquí un terceiro posto en 2023.
Resumo do terceiro día de competición
Francisco Ordoñhas asina unha exhibición para lograr a súa primeira vitoria no JQS
Poñendo o broche de ouro ao seu último ano como júnior, o campión europeo 2024 Francisco Ordoñhas (POR) acadou en Razo o seu primeiro título no Junior Qualifying Series (JQS) cunha actuación brillante na final. O surfeiro de 20 anos, goofy-foot de Cascais, viña de resultados irregulares esta tempada tanto no circuíto Júnior como no QS, pero en Galicia todo encaixou: gañou todas e cada unha das súas mangas ata subir ao máis alto do podio.
“É incrible, síntese moi ben,” declarou Ordoñhas. “É a miña primeira vitoria no Pro Junior. O ano pasado fun campión europeo, pero non fun quen de gañar un evento. Levaba tempo buscando este triunfo, así que estou moi feliz. As condicións foron complicadas toda a semana, pero ao mesmo tempo agradables, con bo tempo e case sen vento. Foi unha semana perfecta.”
Na final, Ordoñhas abriu cun 6.00 sólido que lle deu a vantaxe inicial e puxo presión no resto. Mantívose activo na busca de ondas puntuables ata que, nos últimos minutos, conseguiu unha excelente manobra que lle valeu un 7.33. Esa puntuación deixou sen tempo a Conor Donegan Dos Santos (ESP) e Eder Fuentes (EUK), e foi suficiente para asegurar a vitoria cun total de 13.33 puntos, mentres que Alfonso Suárez (ESP) tivo que conformarse co segundo posto.
O resultado de Razo tamén foi histórico para Eder Fuentes (EUK), que rompeu a súa serie de eliminacións en 13º posto e alcanzou a súa primeira final no JQS, despois de superar a Donegan Dos Santos na primeira semifinal. Na segunda, a paciencia pagou para Ordoñhas e Alfonso Suárez (ESP), que agardaron ás mellores ondas. Suárez empatou en puntuación global con João Mendonça (POR), pero avanzou grazas á súa mellor onda individual (5.27).
Resumo do segundo día de competición
A próxima e última cita enMarrocos decidirá quen serán os campións europeos júnior da WSLe tamén os clasificados da rexión para os WSL World Junior Championships