Forte marexada na Coruña tras a sanción a Pablo Montero por surfear durante alerta laranxa

O surfista coruñés Pablo Montero foi multado recentemente por practicar a súa actividade na praia do Matadero durante unha xornada con alerta laranxa por oleaxe. O incidente, ocorrido o pasado xoves, xerou unha ampla polémica na comunidade surfista galega e abriu un debate sobre a normativa de suspensión de actividades acuáticas por mal tempo.

Montero, con máis de 25 anos de experiencia no surf, explicou que saíu da auga cando se atopou co cordón policial. “Non se pode prohibir o surf cando hai ondas. Cada praia é diferente e cada surfista sabe cal é o seu nivel e o seu risco”, declarou. Segundo o deportista, o aviso era demasiado xeral e non reflectía as condicións reais da praia do Matadero, onde as ondas alcanzaban apenas un metro e non había vento forte nin corrente perigosa.

O Concello de A Coruña sinalou que a sanción imposta a Montero debeuse a que non respondeu ás indicacións da policía local e desatendeu a súa chamada. A multa, cualificada como leve, podería alcanzar os 750 euros. A alcaldesa, Inés Rey, defendeu a actuación policial: “As normas están para protexer ás persoas e garantir a seguridade de todos”.

Porén, a Federación Galega de Surf enviou un escrito ao Concello e á Xunta solicitando criterios específicos para deportes de mar, diferenciando entre zonas expostas e protexidas. “As alertas son demasiado amplas e non reflicten as condicións reais de cada praia”, aseguran desde o organismo, que tamén reclama a participación das federacións nas decisións sobre o peche de praias por alerta.

Montero criticou a contradición entre a promoción do surf como atractivo turístico e deportivo e as restricións que impiden practicalo en condicións seguras. “Se inviste moito en promocionar A Coruña como destino surfero e logo multan por surfear cando hai ondas, iso non ten sentido”, afirmou. O surfista pediu unha revisión da ordenanza de praias para excluír o surf das prohibicións durante alertas meteorolóxicas e confía en que o seu caso abra un debate que evite que outros deportistas sufran situacións similares.

O conflito tivo eco entre surfistas locais e colectivos como Surfgaliza, que denuncian que a aplicación automática das alertas limita a práctica deportiva sen un motivo real e reclaman diálogo coas autoridades para adaptar a normativa á realidade do litoral galego.

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.