A Praia de Pantín, en Valdoviño, viviu este mércores unha nova xornada de espera no ABANCA Pantín Classic Galicia Pro. A segunda parada do calendario competitivo aínda non puido entrar na auga, xa que a organización do evento decidiu manter o hold ante a previsión de que un novo swell entre con máis forza durante a xornada do xoves.
A World Surf League (WSL) cancelou a competición deste mércores no QS 6.000 International, agardando por mellores condicións para dar comezo á acción na emblemática praia de Valdoviño. A próxima chamada realizarase o xoves 27 de agosto ás 7:30 horas, e a organización podería recorrer ao formato de dobre pico para disputar o maior número posible de mangas ao longo do día.
Cando a competición se poña en marcha, o cadro masculino abrirase coa Rolda de 144. A primeira manga reunirá ao exintegrante do Championship Tour Jackson Bunch, ao francés Pierre Lamothe, ao irlandés Tom Murphy e ao galés Max Davies.
Na segunda manga competirán Mael Laborde, Oliver Heintz, Logan Nicol e Tim Elter, mentres que a terceira contará coa presenza de Milo Faure, Fantin Habashi, o español Mario Rasines e Cristian Portelli.
Tamén destaca a participación de varios surfeiros da Península e de Galicia nas primeiras roldas do cadro masculino. Na sexta manga, o galego Teo Cajide compartirá auga con Makana Franzmann, John John Rabinovitch e Jay Phipps. Jaime Fernández Díaz tamén estará na quinta manga, mentres que outros nomes destacados como Vasco Ribeiro ou o italiano Edoardo Papa buscarán avanzar cara ás seguintes eliminatorias.
No cadro feminino, a Rolda de 80 abrirase coa australiana Natalie Fensom fronte a Adriana Fernández Hidalgo, a portuguesa Lua Escudeiro e a neerlandesa Elisabeth Hunsel.
A segunda manga feminina reunirá a algunhas das surfeiras máis destacadas do circuíto europeo, coa francesa Lilou Rumiel, a española Carla Morera de la Vall e as portuguesas Erica Maximo e Maria Dias.
A representación da Península tamén terá presenza noutras mangas, como Garazi Sánchez-Ortun, Melania Díaz, Saioa Ortega, Kenia Carril, Leticia Canales Bilbao e Nora Álvarez.
O ABANCA Pantín Classic Galicia Pro poderá seguirse en directo entre o 25 e o 30 de agosto a través de WorldSurfLeague.com e da aplicación gratuíta da WSL.
