"En 10 ou 15 anos, Galiza ha ser unha potencia mundial do surf"

Eiquí tedes unha entrevista realizada por teléfono dende a redacción de Vieiros a Kiko Campos, o xestor desta web. Tamén tedes o resultado do Eddi Aikau celebrado estes días en Hawaii sen presencia de galegos na auga. O basco Ibón Amatriain finalizou na posición 17.

Kiko Campos na dereita da Santa. Lanzarote

Lamentabelmente, ningún galego tivo a oportunidade de 'cabalgar' as lendarias ondas xigantes que o Pacífico regala de cando en cando e que desta volta superaron os 10 metros. No entanto, hai razóns para a esperanza. Así o considera Kiko Campos, vigués de 34 anos afincado en Lanzarote, que leva literalmente "media vida" facendo surf e coñece ben as capacidades do noso país neste deporte.

"Cada vez hai máis escolas de surf, máis clubs, máis persoas federadas. En 10 ou 15 anos, Galiza ha ser unha potencia mundial do surf", afirma, e engade que "non hai máis que ver a xente nova, como alucinan co surf, co body, co skate. Son os deportes do século XXI".

Campos lembra ademais unha cuestión esencial coa que nós contamos e outros non: "Galiza ten máis quilómetros de costa ca España". "En sitios como Cantabria teñen oito ou 10 praias; a liña de mar de Euskadi percórrese en menos de dúas horas; nós, das case 1.200 praias que temos, en máis de 500 podemos facer surf", comenta.

Porén, quéixase -mais estoicamente- da ausencia de axudas por parte da Xunta, de que a Federación non ten patrocinador ningún, mesmo do "minifundismo" existente no país ao respecto da colaboración entre clubs e escolas.

Preguntado por cal é a mellor zona para facer surf, Kiko Campos non desbota ningunha. De feito, fala de "todas", e aínda que gaba as de Ferrolterra ("Doniños, Vilarrube, Pantín, ..."), considera que calquera parte da costa galega ten as condicións axeitadas. Ben sexa, por exemplo, na Costa da Morte, ben sexa en Santa María de Oia, de onde -di- ten unhas boas fotos penduradas na web.

Artigo completo en: http://www.vieiros.com/nova/77533/en-10-ou-15-anos-galiza-ha-ser-unha-potencia-mundial-do-surf

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.