Comeza o Deeply Surfusiom 2010!!

Aínda coa resaca da Pantín Classic de surf, a costa galega non dá tregua ás ondas e esta mesma semana, do 2 ao 5 de setembro, volve ruxir o mar noutro evento de gran magnitude, a 7ª edición do DEEPLY-SURFUSIOM. Unha proba, se cabe, máis importante que o Pantín Classic polo que supón a nivel internacional no mundo do bodyboard.

DEEPLY SURFUSIOM

Un ano máis, o Clube de Surf e Bodyboard Grosso organiza no ferrolán areal de Doniños un evento que, nesta ocasión, estará dedicado completamente ao bodyboard. Máis de 120 participantes vindos de todos os recunchos surferos do planeta asistirán a unha proba decisiva que contará con varios campións do mundo e cos principais expoñentes nacionais, moitos deles nados en Galicia.

Como nas dúas últimas edicións, a competición máis destacable do DEEPLY-SURFUSIOM 2010 será a proba do Circuíto Mundial de Bodyboard ÍA World Tour 2010, puntuable para o Campionato do Mundo de Bodyboard. Por iso, os mellores especialistas en bodyboard do globo teñen cita obrigada nas augas de Doniños, unha das probas máis valoradas do Vello Continente; máis se cabe tras a desaparición de dous eventos europeos na xira mundial.

Dúas modalidades para gozar

Na súa sétima edición, o bodyboard é o único protagonista de DEEPLY-SURFUSIOM 2010, iso si, con dúas modalidades completamente diferentes pero co nexo común da súa espectacularidade.

DEEPLY FERROL PRO é a proba reina e mantén o nivel entre os mellores eventos do Circuíto Mundial, grazas ao patrocinio principal do Concello de Ferrol e da marca Deeply pertencente ao grupo Sport Zone, que posúe un dos seus establecementos no centro comercial Odeón de Narón. Os deportistas que participen nesta proba surfearán as ondas tombados nas súas bodyboards, nun estilo internacionalmente coñecido como prone.

Por outra banda, a organización de DEEPLY-SURFUSIOM 2010 tampouco quixo deixar de lado o outro estilo imperante no bodyboard, o drop-knee, popularmente coñecido en Galicia como "toureira". O DONIÑOS DROPKNEE SERIES presentado por Ocean´s Network converteuse nun referente a nivel mundial desta modalidade e, do mesmo xeito que o DEEPLY FERROL PRO, contará, outra edición máis, cos mellores especialistas do planeta. A estas alturas do campionato, a proba ferrolá, unha das máis puntuadas do Circuíto Mundial DropKnee, volverá ser decisiva para elixir o campión do mundo, dado o apertada que se atopa a clasificación a estas alturas do circuíto. Non se descarta laurear o flamante campión do mundo na praia de Doniños, se as combinacións numéricas son propicias.

Recepción oficial

Como o trato que se merece unha autoridade na materia, a organización de DEEPLY-SURFUSIOM 2010 e o Concello de Ferrol teñen prevista para mañá, día 1 de setembro, unha recepción oficial ao máis importante 'corchero' de todos os tempos, a lenda viva estadounidense Mike Stewart. Un verdadeiro embaixador do bodyboard internacional que ostenta nove cetros de Campión do Mundo. Ás 12 da mañá, o alcalde de Ferrol, o tamén surfeiro Vicente Irisarri; en compañía de Carlos García, presidente da Federación Española de Surf; recibirán ao deportista hawaiano no consistorio departamental, nunha cerimonia na que Stewart estará acompañado de Terry Mckenna, director do circuíto ÍA World Tour; e representantes da organización de DEEPLY-SURFUSIOM10. Toda a prensa está convidada a participar nesta recepción.

Organización con ampla experiencia

Ano a ano, cun esforzo constante, DEEPLY-SURFUSIOM ha ir crecendo en cantidade e calidade. Esta iniciativa naceu alá polo ano 2004, da man do  Club de Surf e Bodyboard Grosso de Doniños, grazas ao apoio do Padroado de Deportes do Concello de Ferrol. Na actualidade, a proba segue contando co patrocinio do concello ferrolán, pero ademais ha ir sumando novos patrocinadores con cada edición, como Deeply, Sport Zone e Ocean´s Network.

Ademais da nómina de patrocinadores, Leite Pascual, Cabreiroá, Ivo Copy, Pan Nosco, Glassyrede e Refresh colaboran con este evento que en 2008 alcanzou a cúspide do Circuíto Mundial ÍA Tour. Finalmente, toda a organización quedaría inválida sen o grupo de media partners que apoiarán co seu traballo esta edición de DEEPLY-SURFUSIOM. Un cesto con vimbias moi profesionais que inclúe empresas da talla de Ride It, Meduxa.com, Zona Bodyboard, A Remojo ou Factoría de Ondas. Para que todo estea a punto para o espectáculo que terá lugar do 2 ao 5 de setembro no areal de Doniños.

Sigan toda a información en directo da DEEPLY-SURFUSIOM 2010 na páxina web www.deeplysurfusiom.com. Toda a competición, as noticias máis relevantes, entrevistas, os resultados actualizados ao instante e os resumos máis destacados de cada xornada.

Para máis información, consultade co departamento de prensa de DEEPLY-SURFUSIOM 2010: Silvia Perez

Fonte do artigo: http://www.grossoweb.com/


Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.