Xa falta menos para o 25º Pantín Classic Pro!!

PANTIN CLASSIC GALICIA

O 25º Pantín Classic Pro terá lugar entre o 12 e o 16 de setembro e a pesar do panorama económico a organización comprométese de novo a celebrar un campionato masculino e feminino simultaneamente. Din que ninguén surfeou Pantín até 1970. Tratábase dunha praia virxe de ondas salvaxes. Con todo, en setembro de 1988, só uns meses despois do nacemento do primeiro clube de surf de Galicia (o Océano Surf Club), celebrábase o primeiro Pantín Classic.

"Nada é un clásico cando acaba de nacer. Pero nós soñabamos que iamos conseguir que este campionato perdurase no tempo", afirma Vicente Irisarri, un dos fundadores do club. Tras 24 edicións Pantín celebrará este setembro o seu 25 campionato consecutivo. O impacto do evento na comarca de Ferrolterra é inconmensurable, tanto cultural como economicamente: "O Pantín Classic tivo moitas consecuencias, e unha delas é a apertura cultural. Que os habitantes da nosa comarca poidan relacionarse, de ti a ti, con xentes de Estados Unidos, Xapón, Indonesia, Sudáfrica ou mesmo de illas que non saben nin onde están no mapa, abriu moitas mentes. Pantín logrou romper con esa fronteira do grelo da que ás veces peca Galicia", afirma Irisarri.

JORGE IMBERT

Jorge Imbert foi o vencedor en 1991 - Foto: Willy Uribe

Segundo Miguel Galeiras, director do evento: "O Pantín Classic repercute de maneira moi importante na economía da comarca. Case todo o orzamento que se inviste no campionato queda aquí. Este ano o noso patrocinador principal volve ser Cabreiroá, unha marca galega. De feito, acabamos de asinar un convenio por dous anos con eles".

Este foi un ano difícil para todas as industrias, incluída a do surf. En Sudáfrica o mítico campionato de Jeffreys Bay saíuse do tour mundial e descendeu á categoría seis estrelas; en Portugal canceláronse o de Ericeira, o seis estrelas de Figueira dá Foz e o campionato de Azores baixou da categoría a seis estrelas; en Estados Unidos cancelouse o campionato de Long Island. As 6 estrelas masculino e feminino que se celebraba consecutivamente en Sri Lanka tamén desapareceu do circuíto, en Francia a mítica proba de Lacanau baixou de seis a cinco estrelas, e así sucesivamente.

ENEKO ACERO

Eneko Acero no ano 200 en Pantín

"É unha honra poder levar a cabo a 25 edición de Pantín Classic, sobre todo tendo en conta a cantidade de eventos que se está levando por diante a crise. Se non fose polo apoio que nos están brindando sponsors e patrocinadores nunca puidésemos celebrar o 25 Cabreiroá Pantín Classic Pro. Haberá moitas novidades este ano"

Segundo os surfeiros o éxito de Pantín reside na forza e consistencia da ondada da praia de Valdoviño: "En 24 anos nunca se cancelou, isto dio todo. Galicia ten un sen fin de ondas e, grazas ao campionato, Pantín é a máis emblemática de todas elas. Se non existise Pantín quizais eu non estaría onde estou agora", asegura Gony Zubizarreta, mellor surfeiro galego de todos os tempos. Segundo o surfeiro vasco Txaber Trojaola, "no verán non hai moitas ondas na península, Pantín é un dos poucos sitios onde se pode celebrar un campionato do mundo nestas datas".

TOM CURREN

Tom Curren no ano 1997

Por Pantín pasaron seis campións do mundo de surf: Tom Curren, Mark Ochiluppo, C.J. Hoodgood, Damien Hardman, Sunny Garcia e Sofia Mulanovich.

Pero aínda hai máis. Por este pequeno pero marabilloso pobo do Concello de Valdoviño vimos pasearse a Bruce Irons, Taj Burrow, Jeremy Flores, os irmáns Malloy, Shane Powell, Richie Collins, Jordy Smith, Patrick Gudauskas, Matt Wilkinson, Josh Kerr, William Cardoso, Kai Otton, Nat Young, Heitor Alves, Laura Enever, Courtney Conlogue, Alana Blanchard, Malia Manuel, Paige Hareb, Pauline Ado ou Bethany Hamillton, entre outros moitos.

Se hoxe, a metade de calendario 2012, miramos o ranking da ASP, observaremos unha estatística abafadora: entre os 12 primeiros surfeiros que loitan polo título mundial 8 deles competiron polo menos nun Pantín Classic. En canto ás damas, entre as 20 mellores do mundo, máis da metade ha loitando como mínimo unha vez polo trono de Pantín.

Parabéns e grazas a todos aqueles que, da nada, conseguiron que Pantín, un pobo de pouco máis de 650 habitantes, sexa cada ano desde 1988 un dos centros de surf máis importantes a nivel mundial.

Web: www.pantinclassic.com
Twitter: @pantin_classic
Facebook: http://www.facebook.com/pantinclassicweb

Web: www.pantinclassic.com

Twitter: @pantin_classic

Facebook: http://www.facebook.com/pantinclassicweb

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com