Un bo surfeiro non se gasta un diñeiral nun coche novo, busca un de segunda man e co diñero que se aforra pode permitirse viaxar ou pasar máis tempo na súa praia local. Un bo surfeiro non precisa levar roupa de marca nin vestir á última moda como os surfeiros de escaparate que pasean pola praia e os bares de copas cos seus modelos sacados dos anuncios das revistas.
O surf únenos á natureza, ensínanos a amar ó mar, e fainos sentir respecto pola forza das ondas. Cando estamos en mar aberto e as series pásannos ó redor só a nosa forma física e mental pódennos axudar. O diñeiro non nos fai mellores surfeiros, a roupa de marca e o status social tampouco.
É importante ser consciente de toda a "merda" que nos tentan vender. Alágannos con publicidade de produtos de consumo con ondas ao fondo, as empresas multinacionais utilizan o surf para promover unha imaxe xuvenil e sa, ó mesmo tempo que acaban cos recursos do planeta sen contemplacións.
Un claro exemplo, é o anuncio de Accenture, que combina surf e un elefante, que na tradición asiática é un símbolo de protección e en occidente é un animal que esperta moito agarimo, que utiliza de forma "simpática" o surf para vender os seus produtos.
Outro penoso exemplo foi o de Pepsi e as estrelas mundiais do futbol para realizar un chafalleiro anuncio que ten como obxectivo vender máis Pepsi. As bebidas de cola están a causar a desecación de moitos acuiferos en todo o planeta. Para producir un litro de Pepsi son necesarios 2 litros e medio de auga. Non bebas máis lixo!
Até o formato de telelixo e os seus realitys ofrecen unha cara distorsionada do surf coa colaboración de xóvenes talentos que se ven atraidos polo reclamo publicitario e supoñemos que un suculento premio co patrocinio de San Miguel. Resulta increible que no século XXI poidamos ver un programa de "deporte na xuventude" sponsorizado por unha empresa de cervexa. E ninguén protesta.
Este tipo de programas mostran a peor cara do surf xa que o surf non é competición, o surf non é cousa de marcas, o surf non é un negocio.
Os verdadeiros surfeiros non son famosos, probablemente nunca os coñezamos porque se pasan a vida traballando, aforrando e gozando da natureza e as ondas en anuncios pouco frecuentes. Non levan roupa de marca nin teñen a furgo ultimo modelo. A única forma de recoñecelos é pola súa pel morena e o seu gran sorriso na boca. Non busques a felicidade nas cousas materiais e superficiais.
Consume menos, surfea máis!
Ilustración: John Ramos - Tropical Mexico & Surfing
Artigo orixinal:
http://www.surfmarket.org/gl/novas/128-consume-menos-surfea-mas