A Xunta detecta irregularidades en Valdoviño pero non fai nada!

ADEGA - Os datos que facemos público a continuación están na súa maioría recollidos da proposta de informe do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña dependente da Consellaría de Política Territorial e Ordenación do Territorio con data 1 de febreiro de 2007. Malia a detectarse graves eivas e irregularidades, a urbanización segue adiante coas administracións mirando para outro lado.

Deste informe tiramos as seguintes CONCLUSIÓNS:
1. SERVIDUME DE PROTECCIÓN DO DPM-T (Costas)
 
En función das características da parcela a distancia aplicábel é 100 m como recoñece a Consellaría de Politica Territorial nun Informe Proposta (xaneiro – 2007). A intervención urbanística iníciase aos 50 m polo que máis da metade da parcela fica dentro destos 100 m independentemente que no deslinde aprobado no 2002 esta limitación se siturara nos límetes da parcela que queren edificar. A Consellaría de Pesca autorizou as obras dentro do DPM-T mais esta autorización está caducada ao exceder os dous anos (abril-2003) e especifica literalmente que após esos dous anos ficará “sen efecto esta autorización”.
 
2. PATRIMONIO.
 
Afectado por:
 
• Sistema Xeral de Parque Arqueolóxico
• Zona de Cautela Arqueolóxica (ZA-1)
• Zona de Respecto Arqueolóxico (ZA-2)
 
A zona de protección abrangue 200 m desde os vestixios arqueolóxicos máis externos. A intervención urbanística principia a 50 m dos restos dos muros defensivos do castro e malia isto non fomos quen de saber os argumentos polos que se saltaron 2 informes contrarios. No segundo dos cales estabeleceuse a posibilidade de Recurso de Alzada que non foi utilizado pola constructora e, non só non se pechou o expediente após do mes fixado de prazo, senón que máis tarde autorizáronse Sondeos Arqueolóxicos de até 80x13x3 m dos que non se sabe nin onde foron parar os materiais que alí se poideran atopar nen a parcela foi restituída ás súas condicións previas.
 
3. AMBIENTAL.
 
Afectado por:
 
• Máis dunha terceira parte da parcela polo convenio RAMSAR (lagoa e areal de Valdoviño)
• Máis dunha terceira parte da parcela por zona ZEPA (zona de especial protección para as aves)
• Integrado na súa totalidade no Lugar de Importancia Comunitaria Costa Ártabra, xa que logo, Rede Natura 2000
• Asemade existen Hábitats Prioritarios contemplados na Directiva Hábitats. A única Autorización que emitiu a Consellaría de M.A. foi para Sondeos Arqueolóxicos, polo que non están autorizadas as obras actuais.
 
Malia que a propia administración recoñeceu a necesidade de Avaliación Ambiental, posteriormente rexeitou esta necesidade sen aportar argumentos que o xustificaran e baseandose en falsedades obvias como: “se puede observar su total inclusión en un ámbito de características urbanas; tanto por la edificación de la práctica totalidad de las parcelas próximas, como por su disposición rodeándola totalmente, y por los tipos de edificios existentes en la zona (bloques de viviendas y edificios de viviendas unifamiliares)” cando a realidade é a que recoñece a Consellaría de Política Territorial: “trátase dun espazo sen edificacións e cuberto de vexetación..., que carece de todos os servizos precisos para ser solo urbano” A existencia de Hábitats Prioritarios conleva a necesidade de realizar unha “Consulta Previa” á Comisión Europea que non se realizou.
Malia todo isto, as denuncias, quer públicas quer por escrito no rexistro da administración galega, efectuadas por ADEGA non motivaron á Consellaría de M.A. para asumir as súas competencias e facer cumprir a lei.
 
4. URBANISMO
 
A clasificación de parte do terreo como urbano é totalmente contraria á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do meio rural de Galicia e causa de anulación das Normas Subsidiarias de Valdoviño. Cuestión que xa solicitamos por escrito á Consellaría por constituir motivo de “nulidade de pleno dereito” como recoñece a propia Consellaría.
 
O anterior motiva a anulación do Estudo de Detalle aprobado para esta Unidade de Actuación. Incluso no caso de que o anterior non sucedera, atopámonos cun E.D. inicial (1999) e cun E.D. modificado (2004) que serían tamén nulos por calquera dos seguintes motivos:
 
• Actúan sobre dúas clasificación de terreos (incluíndo Solo Non Urbanizábel o cal é incompatíbel co fin urbanizador dunha U.A.)
• Excedérense da súa función subordinada e complementaria das NN.SS. adoptando determinacións propias do planeamento superior e infrinxindo as prohibicións impostas a esta figura de planeamento” como recoñece a Consellaría de Política Territorial ao detectar até 4 modificacións das NN.SS. que teñen que respectar íntegramente.
 
Realizáronse obras de edificación (denunciadas no 2006 por ADEGA) sen nengún tipo de Autorización e sen que foran reparadas as alteracións físicas producidas e presentes aínda na parcela so da carauta duns ficticios Sondeos Arqueolóxicos de 80x13x3 m.
Agora están a facer obras de urbanización cunha autorización municipal caducada (agosto-2003) e que recoñece a necesidade de autorizacións en materia de Patrimonio Cultural e pola afectación ao DPM-T mais “esquece” a necesidade de autorización en materia ambiental.
 
5. ACTUACIÓN MUNICIPAL
 
O concello de Valdoviño leva tramitadas nos últimos anos un mínimo de 10 modificacións puntuais das NN.SS. sen que nunca desclasificaran estes terreos como urbanos en cumprimento do artigo 45 da Constitución Española, da Lei de protección ambiental de Galiza (Lei 1/1995), da Lei 4/1989 e do Decreto 82/1989 como recoñece a Consellaría de Política Territorial. En calquera caso, polo artigo 32-2 f) da LOUG este solo é rústico de protección dos espazos naturais por ter un réxime de protección, en aplicación da Lei de Conservación da Natureza (Lei 9/2001).
 
Lonxe disto o resultado é que un terreo mercado no ano 1977 como “monte raso” hoxe aparece clasificado como “urbano” malia non reunir ningunha das características que marca a lei para esa clasificación. Levamos dous anos loitando contra un expediente municipal que nin sequera ten o preceptivo Informe Xurídico municipal
 
PRÓXIMAS ACTUACIÓNS DE ADEGA
 
I. Levaremos esta situación aos xulgados. Estamos preparando xa a vía do Contencioso Administrativo e estamos estudando cos abogados a posibilidade da vía Penal.
II. Comprobada a indefensión dos nosos máis preciados recursos naturais por parte das autoridades do noso País, anunciamos a presentación dunha denuncia perante á U.E.
III. Esixiremos, máis unha vez, a aplicación de medidas cautelares conlevando a inmediata paralización das obras.
A administración galega ten que asumir a defensa do noso patrimonio natural, cumprir e facer cumprir a lexislación vixente.
A Consellaría de Política Territorial non pode alegar descoñecemento por:
-Recibir denuncias por parte de ADEGA desde o ano 2006.
-Dispoñer de documenación interna que alerta claramente desta situación.
-Por coñecemento directo do Delegado na Coruña da Consellaría de Política Territorial (Alberto González Fernández) desta actuación ao ser partícipe, en calidade de arqueólogo e con escasa antelación á súa designación na Consellaría, da elaboración de documentación que pretende dar soporte a esta actuación urbanística.
Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.