Sexto aniversario do Prestige

Hai agora seis anos, un petroleiro cuspindo fuel nas nosas costas convertíase na única referencia informativa do país e provocaba a maior catástrofe ambiental que se lembra.

Foi un mércores 13 de novembro. O temporal azoutaba as nosas costas causando asolagamentos en pobos e cidades, o amarre da flota ou retencións de tráfico. A consecuencia máis grave parecía ser a morte de dúas mulleres pola caída dun guindastre na Coruña. A media tarde, Vieiros facíase eco do perigo de afundimento dunha embarcación cargada de petróleo a 28 millas ao oeste das costas de Fisterra.

O xoves 14, o titular rezaba: "Confírmase a catástrofe". Os servizos de rescate conseguen remolcar o petroleiro e afástano unhas 60 millas de terra. Mentres, no mar quedan tres mil toneladas de fuel. O delegado do goberno en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, asegura que "non se prevé que a mancha aumente". Mentres, comezan a actuar os equipos de limpeza nas praias (Vieiros publica "¿Que facer cunha ave petroleada?"), os partidos políticos comezan un cruce de acusacións ("Polo cambio de normativa de seguridade marítima") e coñecemos aos poucos máis información do accidente ("O Prestige fora advertido de erros de seguridade").



O venres 15, unha fenda de 40 metros no casco obriga a paralizar o remolcado do barco ante o risco de que parta en dous. A Xunta minimiza as posibilidades se sufrir unha marea negra e o conselleiro de Pesca, López Veiga, asegura que "o risco de que o petróleo chegue á costa non é moi alto". Vieiros recolle as opinións de diferentes colectivos ecoloxistas: "As propostas de Greenpeace para que non se repita"; a "FEG denuncia indefensión da costa galega"; "Adega demanda maior control do tráfico marítimo".

Chega o sábado 16 e a marea negra ameaza ás praias da Costa da Morte, contaminando 150 quilómetros de litoral ("O fuel do Prestige chega á costa"). Ao tempo, o petroleiro achégase perigosamente mentres que Fernández de Mesa afirma que "non hai perigo inminente de que parta". O primeiro domingo localízase unha nova fenda no buque, que se atopa a 72 millas de Fisterra. Comezan as primeiras denuncias de deficiente coordinación e insuficiencia de medios ("Insuficiente resposta fronte á marea negra").

A seguinte semana comeza un 18 de novembro con manchas de fuel chegando á boca das rías de Muros e Noia e ameazando á de Arousa. A Consellería de Pesca anuncia axudas inmediatas para os mariñeiros afectados ("A Xunta promete axudas inmediatas"). Os peores temores confírmanse o martes: "O Prestige parte en dous". O buque desaparece definitivamente baixo as augas, a unhas 133 millas das Cíes e solta catro mil toneladas de fuel máis.

O martes o tramo afectado pola marea negra supera xa os 300 quilómetros de costa. As manchas multiplícanse mentres se achegan ao litoral ("O Prestige afundido, unha bomba de reloxería"). As críticas tamén se suceden ("Non se fixo o trasvase de fuel cando era posíbel"; "Cinco mareas negras en Galiza dende 1976"; "O Prestige debeuse traer para a ría") e organízase o voluntariado ("Voluntarios contra o chapapote"; "Prepárase a resposta social...").



O día no que se cumpriu unha semana da catástrofe, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, desprázase a Caión e anuncia unha dotación de 60 millóns de euros para limpar o litoral ("E Fraga? Inaugurando xornadas sobre o petróleo"). A Plataforma Nunca Máis, constituída para a ocasión, convoca unha gran mobilización de protesta para o primeiro de decembro en Santiago de Compostela ("Macromobilización o 1 de decembro"). Remata así a primeira semana de reaccións ante a maior catástrofe ambiental que asolou Galiza.



O seguimento de Vieiros recompilouse no Especial "A negra sombra do Prestige", onde se analizou polo miúdo causas, consecuencias e reaccións ante a marea negra. Tamén se fixeron eco os diferentes xornais internacionais. Isto era o que dicían entón:

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.