Construción ilegal de varias rampas de formigón nas praias de Covas

Verdegaia e a SGHN denuncian á Demarcación de Costas e ao Concello de Ferrol pola construción ilegal de varias rampas de formigón nas praias de Covas. As obras afectaron a varios hábitats naturais e especies botánicas legalmente protexidos.

 
Praia de Ponzos. Foto de Anxo Franco

A asociación ecoloxista Verdegaia e a S.G.H.N. de Ferrol veñen de interpoñer unha denuncia ante a Consellería de Medio Ambiente e ante o Servizo de Proteción da Natureza da Garada Civil - SEPRONA, contra a Demarcación de Costas en Galicia, en calidade de autora, e contra o Concello de Ferrol, en calidade de promotor, pola construción ilegal de varias rampas de formigón nas praias de Ponzos, O Medote e dos Botes (parroquia ferrolá de Covas), todas elas incluidas no L.I.C. "Costa Ártabra" e na Z.E.P.A. "Costa de Ferrolterra-Valdoviño", carecendo do preceptivo proxecto construtivo e do correspondente estudo de impacto ambiental.

Ademáis, as obras afectaron a varios hábitats naturais de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE e Lei 42/2007, do 13 de decembro); nomeadamente, Acantilados con vexetación das costas atlánticas e bálticas (Código1230) e *Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (Código 2130), este último considerado como hábitat prioritario, destruíndo tamén un número indeterminado de exemprares do endemismo botánico denominado como Antirrhinum majus subsp. linkianum; especie catalogada como "En Perigo de Extinción" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e "En Perigo" no Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España.

Por outra banda, as obras non se axustan ao acordado previamente. Resulta que o pasado ano, a asociación ecoloxista Verdegaia, a S.G.H.N. de Ferrol, a A. de VV. de Covas, o Concello de Ferrol e a Demarcación de Costas en Galicia puxéronse de acordo sobre a necesidade de elaborar e levar a cabo canto antes un ambicioso proxecto de ordeamento e restauración ambiental para as praias de Sta. Comba, Sartaña, O Medote e Ponzos (todas elas integradas no L.I.C. "Costa Ártabra" e na Z.E.P.A. "Costa de Ferrolterra-Valdoviño"), co obxecto de salvagardar os seus valores naturais, cuxa redación e execución correría a cargo da Demarcación de Costas en Galicia como organismo competente.

Entre as actuacións acordadas figuraba a construción dunha rampa de aceso mixto (rodado e peonil) para a praia de Ponzos, aproveitando o principal aceso existente sobre os cantís, constituido na actualidade por unha ampla escaleira de madeira superposta a outra de chanzos de formigón. A solución plantexada e acordada foi que se suprimisen as estruturas de madeira e de formigón existentes nese aceso e se construise como alternativa unha rampa con perpiaños ou lousas de pedra rústica (da mesma tonalidade que as rochas dos cantís) ou de grosas travesas de madeira (como as utilizadas antigamente nos camiños de ferro) para que o tractor destinado á limpeza de praias acedese por ese paso e non polas dunas (tal e como se ven facendo na actualidade), ao tempo de servir de aceso peonil (incluso para persoas con algunha discapacidade física) para prescindir así da pasarela de madeira instalada sobre as dunas. O emprego de materiais como a pedra ou a madeira permitirían, ademáis, unha maior integración da obra no contorno natural.

Na praia do Medote, as solucións acordadas foron, ou ben unha pasarela peonil de madeira como as que se veñen instalando habitualmente nas praias ou ben un corredor mixto (rodado e peonil) feito con grosas travesas de madeira, por si o tractor da limpeza tivese que aceder a esa praia. En ambos casos instalaríase sobre o camiño xa existente.

En calquera caso, acordouse non intervir até que estivese elaborado un proxecto con todas as actuacións plantexadas.

Finalmente, tanto a Demarcación de Costas como o Concello de Ferrol vulneraron os acordos verbais acadados no seu día procedendo, sen a previa elaboración dun proxecto (e polo tanto sen sometelo a información pública), á execución das devanditas rampas de formigón nas praias de Ponzos e do Medote. A rampa construida na praia dos Botes tampouco se corresponde co modelo plantexado noutro proxecto aprobado para esa zona.

Na Praia de Ponzos procedeuse a construir un novo aceso a escasos metros do xa existente, efectuando sobre o cantil un novo desmonte que afectou a un dos hábitats naturais denominado como Acantilados con vexetación das costas atlánticas e bálticas (1230). Os entullos sobrantes do desmonte estendéronse sobre outro hábitat dunar adxacente denominado como *Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (Código 2130); este último considerado como hábitat prioritario. A consecuencia dos desmontes e do vertido de entullos destrueuse un número indeterminado de exemplares do endemismo botánico denominado Antirrhinum majus subsp. linkianum., construíndose finalmente unha rampa de formigón.

Na Praia do Medote, adecuouse con pequenos desmontes e movimentos de terra o camiño de aceso existente eliminando, como consecuencia, un número indeterminado do endemismo botánico denominado Antirrhinum majus subsp. linkianum. Finalmente, construeuse outra rampa de formigón sobre o camiño.

Na Praia dos Botes (Covas) contrueuse unha rampa de formigón semellante cuxos danos sobre a flora todavía estamos avaliando.

Na denuncia, que non descartamos dirixila tamén á Dirección General de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) e mesmo á Fiscalía de Delictos Ambientais, demandamos que se restableza a legalidade procedendo á eliminación das rampas de formigón construidas ilegalmente e á retirada dos entullos vertidos sobre os hábitats naturais protexidos na zona de Ponzos. En canto a destrución de exemprares do endemismo botánico denominado Antirrhinum majus subsp. linkianum., a recuperación dos mesmos é irreversibel, polo que as súas poboacións quedaron mermadas nas praias de Ponzos e do Medote.

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.