A Xunta impón un Plano Acuícola que convertirá a costa nun polígono industrial de cemento e plástico

Confirmouse a vergoña: o consello da Xunta a iniciativa do seu presidente ven de perpetrar o Plano Acuícola, consumando a meirande agresión á costa galega dende o Prestige. As 24 macroplantas de cemento e plástico ocuparán máis de 3 millóns de m2 de litoral virxe, degradando a paisaxe costeira e vertendo millóns de Hm3 de augas contaminadas ao mar. Malia á oposición de amplos sectores sociais, ecoloxistas, concellos, veciños/as, universidades... e ás eivas sinaladas pola propia administración, o Sr. Touriño e a Sra. Gallego cumpriron co seu papel de comisionados da patronal acuícola, como no seu momento fixera o PP, e decretaron a expropiación de emblemáticos espazos da costa para poñer a Galiza líder da produción mundial... de rodaballos dopados.

E todo por 2000 postos de traballo, moitos deles ficticios, en precario, de baixa cualificación e sometidos ao capricho de patróns como Stolt e Pescanova cuxas políticas laborais e estratexias produtivas neocolonialistas son ben coñecidas en Chile, centroamérica, Indonesia...

O máis grave é que un governo que se dí "progresista" aposte por modelos de desenvolvemento depredadores e insustentábeis, sacrificando o potencial e os recursos endóxenos do litoral a maior gloria das contas de beneficios das transnacionais do peixe de plástico. 

Non deixa de ser un paradoxo que Galiza, cun dos ecosistemas mariños máis produtivos e potentes do mundo, aposte por cultivar os peixes en terra dándolle as costas ao mar e mesmo comprometendo esa riqueza natural da que directa e indirectamente viven milleiros de persoas en todo o país. Centos de millóns de euros en subvencións públicas van ser agasallados ás empresas acuícolas en forma de axudas directas e indirectas (máis do 50% dos investimentos por planta), empresas para as que se vai expropiar a prezo de saldo os millores espazos da costa.

No entanto, ADEGA quere mandar unha mensaxe de serenidade e esperanza á cidadanía e de advertencia á Xunta: perdeuse unha batalla mais a loita vai continuar. Quedan aínda moitos recursos e accións que emprender para impedir a consumación da desfeita. ADEGA continuará até esgotar a vía administrativa e mesmo non desbota accións xudiciais da man das plataformas. Para cada unha das localizacións das macroplantas temos preparado unha batería de accións, propostas e iniciativas novidosas que van facer moi difícil levar a termo os proxectos previstos. Boa mostra disto son as cooperativas ecolóxicas de Quilmas e Merexo, hoxe xa funcionando, nos terreos que a Xunta quere expropiar para Stolt. Estes dous proxectos sustentábeis e respectuosos coa costa son exemplo de imaxinación e valentía: vai a o Sr. Touriño e a Sra. Gallego a atreverse a expropiar as terras para cederllas a unha multinacional que degradará a paisaxe e contaminará terras e augas? Que interese público vai predominar, os dos expoliadores ou os da veciñanza organizada? E cais son os intereses que defenden o Sr. Touriño e a Sra. Gallego?

Mais o principal factor para impedir a consumación desta desfeita é o compromiso decidido da veciñanza e da cidadanía en xeral coa defensa da nosa costa. A admininistración e os rodaballistas deben saber que van ter enfronte a veciños/as, colectivos sociais e ecoloxistas dispostos a chegar até as últimas consecuencias. Queren o Sr. Touriño e a Sra. Gallego ser lembrados como os políticos que promoveron 24 expropiacións a golpe de culata e garda civil coma nas Encrobas hai 30 anos?

Nova orixinal en Adega.gal

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.