Este luns comezamos a semana cunha entrevista ao actual campión do circuito galego de longueirón Jose Antonio Varela "Toni". Nesta entrevista podes ler un pouco sobre o seu estilo de vida e as súas opinións sobre o surf na nosa costa.
Ficha Técnica:
- Nome: José Antonio Varela Amado (Toni pros colegas).
- Idade: 24.
- Anos surfando: 11 anos.
- Spots que frecuentas: Malpica, Razo…
- Estudos/Traballo: monitor en Silfocamps e cursando salvamento acuático.
- Un hobby: traballos manuais,bricolaxe.
- Unha viaxe: GALIZA.
- Un soño: inventar, crear, experimentar, shapear…
- Música preferida: instrumentais, clásicos, jazz, stoner rock…
- Sponsors: ningún.
- Mellores Resultados: Campión Galego Longueirón no ano 2009.
E agora as preguntas:
Como e cando comenzaches a surfear?
Comecei a coller ondas sobre un bugui de polispán e tela de saco con 13 aniños, ó inverno seguinte heredei un BZ co que me lancei a competir en competis locais. Continuei con esta modalidade ata os 17 anos conseguindo algún pódium pero sen resposta por parte dos patrocinios. As persoas cambian e eu non fun menos, merquei unha tabla (6´0) e o longo de dous anos foi o que me adiquei. Non coñecía con profundidade outras modalidades, facía o que a xente do meu redor facía.
Por que elexiches surfear con longueirón??
Non elexín surfear con longueirón, eu surfeo con calquera cousa, penso que para buscar a pureza desta paixón é necesario voltar os inicios e coñecer o porqué das formas.
E cando comenzaches a competir??
A primeira competi foi con 14 anos (Circuito Miramar) ata os 17 no Circuito Galego de Bodyboard. A seguinte foi con 23 anos no Circuito Galego de Longueirón.
Como é un día normal na túa vida?
Hoxe en día dependo do vento e das mareas… a praia é a miña prioridade. Non me deixo apalancar, se non é na piscina municipal é no taller lixando ou algo semellante… o mellor do dia e ter tempo, tempo para cociñar, para debuxar, ler, tocar a guitarra, correr…
É moi dificil ser monitor de surf?
Exixe responsabilidades, pero non se semella a ningún outro traballo, cada día son cousas novas as que te enfrontas, é unha aprendizaxe continua.
Que che parece o nivel galego de longueirón??
A nivel maniobrabilidade non vexo grandes cousas (con escepcións), tamen teño que dicir que en moi estranos casos coincido con outros longuers na auga. Pero a nivel persoal apréciase una estrana conexión entre nós.
Unha das cousas máis comentadas da práctica do longueirón é o bo rollo na auga e o compañeirismo. Pensas que isto é certo?
Cada persoa é un mundo e compórtase como tal, creo que dado ó reducido número de longuers, comparado con outras modalidades, gárdase un certo colegueo por identificación, supoño.
Esta modalidade é cousa de homes ou hai máis rapazas agora na auga??
Eu en todos os anos que levo na auga, non aprecio ningún cambio, hai máis homes que mulleres na auga e iso e todo, e non o entendo!
É dificil conseguir sponsor facendo longueirón??
Eu nunca tiven ningún tipo de axuda nin sponsor, é realmente difícil!!! e penso que é unha boa forma de impulsar a calquera deportista, agora, non sei se iso é o que lles interesa as marcas. Me da que non!!
Acabas de rematar o ano 2009 como campión do circuito galego. Que sintes despois deste esplendido resultado??
Para min foi como a volta de novo ó mundillo da competi coma cando tiña 14 anos, voltar a sentir eses nervios antes dunha manga… pero teño que dicir que poucas cousas cambiaron dende aquela. Dame a impresión dun estancamento monumental. E necesario sair e competir noutros circuitos, novas metas.
Que planes tes para o 2010, viaxes, campionatos??
Viaxar o que a miña conta mo permita, pero síntome tan ben e agusto na miña terra… disfruto agora máis que nunca da calidade das nosas ondas…porque o que diga o contrario, que cambie de tabla!!
Competis deste ano: Circuito Galego (animando a máis xente que participe), tamén penso correr o circuito nacional ACL (Asociación Clubs de Longboard) e festivais que non falten…ONDALONGA, o festival de Salinas…
Moitas gracias por colaborar nesta entrevista. Agora se queres podes escribir unhas palabras para dicir o que queiras aos nosos lectores:
Primeiro agradecer a SurfGZ o espléndido traballo e a información momentánea que nos facilitas, e sobre todo á personalidade que esta páxina reflexa en todalas modalidades. Agradecer a José Rodriguez (Silfocamps) e a toda Malpica pola axuda e motivación que me aportan.
O longueirón pode sela resposta a moitas das frustracións, camiña cara o bico das sensacións…