Noraboa ao SUP Galego! Coque Araujo fai podium en Cantabria!

O pasado sábado día 7 de Abril daba comezo en San Vicente de la Barquera a primeira proba do Circuíto Cántabro de Stand Up Paddle en modalidade Race, o Circuíto referencia en España e o de maior nivel a cargo, nesta ocasión, da escola Costa Norte e Días de Surf en colaboración coa Federación Cántabra de Surf. O rider galego Coque Araujo, primeiro pola esquerda, rematou nun excelente segundo posto demostrando o bo estado do paddle race na nosa costa.

As previsións meteorolóxicas xa auguraban que a carreira ía ser moi dura e o sábado atopabámonos na praia do Tostadero a 6ºC, con pedrisco e ventos fortísimos que se unían ás correntes causadas pola marea, así que desde as 08:30 da mañá a organización xa estaba ao choio para conseguir un desenvolvemento impecable da proba a pesar das adversidades.

Ás 11:00 sería o checking dos competidores, ás 13:00 a reunión de competidores e finalmente ás 14:00 horas dábase a saída a unha vintena de participantes que describirían un circuíto de tres boias que a organización acurtara a 8 Km por motivos de seguridade.

Na saída non houbo sorpresas, Román Frejo (Starboard) viña moi forte tras o seu 9º posto no Mundial e impúñase con facilidade xa antes do primeiro paso pola boia, moi preto viña o Campión de España en 14’ Ramón Branco (RRD, Northwind) seguido de Óscar Ruiz e facían xuntos ese primeiro xiro por diante dun grupo liderado polo Campión Galego Coque Araujo (Starboard, Waira, Beachescola Patos) seguido de Antonio de la Rosa, Saul Viadero e a medallista mundial Laura Quetglas.

No longo cara á seguinte boia Ramón Branco desmarcábase de Óscar Ruiz que era alcanzado por Coque Araújo tras escaparse do grupo perseguidor. Ningún quería ceder o seu posto así que Óscar e Coque dérono todo nese tramo nun sprint moi duro que non só fixo que ambos desen caza a Ramón Branco, se non que ademais Coque viraba esa terceira aboia en 2ª posición, seguido de Ramón e con Óscar xa en 4º posto.

Por detrás Laura Quetglas adiantaba a Saul e colocábase en 6ª posición, a partir de aí todos os competidores encaraban o tramo máis duro, contra o vento e a corrente da marea que puñan a proba a forma física de cada competidor facendo de filtro para definir aínda máis as posicións. Durante o resto das voltas mantivéronse as posicións dos 3 primeiros postos con Román Frejo gañando cada vez maior vantaxe en solitario e Coque Araújo controlando de esguello a Ramón Branco para manter durante 7 voltas a cómoda vantaxe que conseguira durante as dúas primeiras. Por detrás aínda quedaba pelexa e Laura, paso a paso adiantaba a Antonio de la Rosa, para dar caza despois a Óscar Ruiz que finalmente cedería a súa posición tamén ante Antonio.

Na categoría Feminina as posicións quedaron definidas desde o principio, con Laura Quetglas en primeira posición e moi cerca dos tempos do pódium masculino, seguida de Bárbara da Maza e de Sara Ramos.

Resultados Masculino:

1º Román Frejo (Starboard)

2º Coque Araújo (Starboard, Waira, Beachescola Patos)

3º Ramón Branco (RRD; Northwind)

Feminino:

1ª Laura Quetglas (Pepper, Mar Balear)

2ª Bárbara da Maza (Fanatic)

3ª Sara Ramos (Northwind)


Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.