Semana Santa e surf na Mariña

semana santa surf galicia

Juan Carlos Couto - Agora que se achega un parón momentáneo na nosa rutina laboral e/ou estudantil grazas á chegada da Semana Santa e que poderemos planificar algunha pequena escapada para descansar e surfear, quero plantexarvos desde este foro un par actividades máis que interesantes que poderedes facer se vos decidides a pasar pola Mariña luguesa os vindeiros días. Se hai unhas poucas semanas coñecimos o calendario de probas para esta tempada, promovidas pola Federación Galega de Surf, nestes días podemos informarnos tamén dos principais detalles dun dos grandes eventos surfeiros do ano que terá lugar na veciña localidade asturiana de Tapia de Casariego a próxima fin de semana: o Campionato mundial de surf Goanna Pro 2015: “Memorial Peter Gulley”.

Os pasados días 21 e 22 de marzo, puidemos ver como botou a andar a nova tempada oficial da FGS na Praia da Lanzada cun máis que interesante evento Junior de surf e bodyboard, cuxa crónica - horario podedes ler na propia web oficial de Federación Agora, se as previsións meteoróloxicas e marítimas son favorables, e cumprindo co calendario previsto, o circuito galego desprazarase ata Barreiros, onde os próximos 4 e 5 de abril se celebrará unha segunda proba oficial correspondente ao Circuito galego Open, que tamén será clasificatoria para o Campionato de España. Trátase dun Campionato Open e Máster nas modalidades de surf, longboard e paddleboard que se disputará na praia barreirense de Fontela – Balea, máis coñecida como Oliñas, se as condicións do mar o permiten. Polo momento, a FGS non ofreceu máis datos sobre o evento, e haberá que estar atentos nos próximos días ás súas informacións sobre como inscribirse, prazos, prezos e demais. En calquera caso, esta proba non decepcionará aos que vos acheguedes a vela pois, dada a súa relevancia (proba clasificatoria para España), o bo nivel dos participantes que asistan e as boas ondas que adoito nos ofrece esta praia do Concello de Barreiros, seguro que teremos un espectáculo interesante do que disfrutar durante esa fin de semana.

En días case parellos a esta primeira proba Open do Circuito galego, e a uns poucos quilómetros de Oliñas, tamén poderemos asistir á XXIV edición do Campionato mundial “Memorial Peter Gulley” na praia tapiega de Los Campos, onde se darán cita surfistas chegados de tódolos continentes e que competirán tamén na modalidade Open e Junior sub 18 (men&women), Junior sub 16 (men), Junior sub 14 (men&women), Junior sub 12 (men) e Junior sub 10 (men).

Highlights de edicións anteriores Memorial Peter Gulley

Durante o xoves e venres santos desenvolveranse as sucesivas rondas clasificatorias mailos octavos e cuartos de final e o sábado 4 de abril os surfistas clasificados disputarán as semifinais e final, segundo informa a organización. Toda a competición oficial celebrarase en xornada de mañá, a partir das 9:30 a.m, aproveitando a marea baixa, e as tardes reservaranse para realizar actividades fóra de competición, como as habituais Expressions sessions e os Tag team (competicións por equipos), que farán gozar, sen dúbida, aos espectadores que decidan achegarse ao areal tapiego grazas as espectaculares e arriscadas manobras que habitualmente exhiben os participantes. O último día, antes da entrega de premios, e como é costume ano tras ano, a organización do evento realizará un emotivo acto en memoria do surfeiro australiano Peter Gulley, que lle dá nome á proba e cuxas cinsas foron esparcidas no 1991 por expreso desexo seu na praia asturiana á que tan íntimamente ligado estaba dende 1969. A continuación farase a entrega de premios aos surfistas gañadores e darase por concluída a proba deste 2015.


Tapia. Fonte: E. Nogueiro

Como podedes comprobar son varias as oportunidades que a comarca da Mariña e o Occidente asturiano ofrecen para a fin de semana da Semana Santa, así que non vos perdades a oportunidade de achegarvos á zona, gozar das probas surfeiras promovidas pola FGS e Goanna Pro durante eses días e, por suposto, aproveitar para darvos uns bos baños coas vosas táboas en calquera das praias da Mariña. Boas ondas a todos.

Tedes + info sobre estes eventos en:

Federación Galega de Surf

Goanna Pro 2015

Facebook de Goanna Pro

Moitas grazas a Juan Couto por colaborar con este artigo!

{fcomments}

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.