Illa Pancha quenta motores con esta potente sesión de surf XXL e grandes surfeiros internacionais na auga grazas a Eric Rebiere e o seu equipo. Tras 7 horas de coche desde Nazaré, algúns dos mellores surfeiros de ondas xigantes do mundo, viñeron a Ribadeo, para proceder á segunda sesión previa ao campionato de Illa Pancha Big Waves desta tempada.
Entre eles atopábanse surfeiros de renome internacional desta modalidade, como Lucas Chumbo e Ian Consenza e representando a Galicia, o campión de España Juan Fernández, e o franco brasileiro afincado en Bastiagueiro Eric Rebiere. Juan puido coller unha das bombas que se viron durante a mañá, unha das mellores ondas que se haxan surfeado na temida onda do “panchorro”.
O público foi achegándose ao faro e a medida que os surfeiros ían quentando puidéronse ver algunhas das manobras máis radicais, como un aéreo 360º antes de entrar nunha caverna enorme de Lucas Chumbo ou o tubazo de William Santana. Tamén cabe destacar a actuación do skimboarder Lucas Fink quen busca romper o récord mundial da onda máis grande surfeada cun skimboard.
Todos os surfeiros dérono todo nunha intensa sesión que durou ao rededor de 4 horas.
A cuarta convocatoria do campionato terá lugar cando se reúnan as condicións perfectas de vento e de mar.