A elite do surf internacional desembarca en Ferrol do 25 ao 29 de xuño cun evento único que une deporte, música, medio ambiente e cultura urbana.
A praia de As Cabazas converterase nun auténtico festival do surf durante cinco días de adrenalina, espectáculo na auga e experiencias inesquecibles: proba internacional de surf, concertos en directo, food trucks, zona market, bautismos de surf e skate, e un campionato de skate con premios en metálico.
Como gran novidade deste ano, o campionato dá un salto cualitativo coa incorporación dunha proba do circuíto mundial Junior WSL JQS (para menores de 21 anos), que se suma á tradicional competición internacional de Longboard LQS, a modalidade máis clásica e elegante do surf.
A estas dúas probas internacionais engádense tamén os triais galegos para o JUNIOR PRO, onde mozos e mozas deportistas da nosa comunidade poderán loitar polos desexados wildcards (2 rapaces e 2 rapazas), que lles darán acceso directo á competición principal xunto aos mellores surfistas do mundo. As inscricións para os TRIALS JUNIOR PRO abriranse na web oficial da Federación Galega de Surf o día 5 de xuño.
A celebración do Gadis Surf Festival Ferrol coincide coa reapertura do Camping As Cabazas, situado moi preto da zona do evento.
Na pasada edición, foron milleiros de persoas as que se achegaron ata As Cabazas para gozar dun evento que vai moito máis alá da competición deportiva. Este ano, a programación inclúe:
-
Concertos en directo con actuacións de artistas e bandas que poñerán ritmo aos espectaculares solpores dende a praia. Destaca especialmente a actuación de Smile, a banda de indie rock de Getxo coñecida pola súa capacidade de crear ambiente festivo en cada show.
-
Zona market con produtos artesanais e únicos: tatuaxes, moda surf, xoiería artesanal sostible e marcas locais.
-
Gastronomía sobre rodas, cunha completa oferta de food trucks para todos os gustos.
-
Bautismos de surf e skate gratuítos, ideais para quen queira iniciarse nestes deportes con monitores especializados.
-
E como gran estrea deste ano: un Campionato de Skate que atraerá riders de toda a rexión, con premios en metálico e exhibicións de altísimo nivel.