O Trofeo Concello de Nigrán volve tras dous anos de espera con ondas grandes e doble cita de surf e bodyboard en Patos
Despois de dous anos sen poder celebrarse, o Patos Surf Club, a Federación Galega de Surf e o Concello de Nigrán anuncian o regreso do histórico Trofeo Concello de Nigrán, que este 2025 acadará a súa 32ª edición desde a creación do evento no ano 1990. Trátase do campionato máis lonxevo do circuíto galego e unha das competicións de referencia do inverno nas Rías Baixas para a comunidade surfeira.
Un retorno por todo o alto: grandes ondas no Pico Patos
A edición deste ano chega cun ingrediente extra: a previsión de ondas de gran tamaño na emblemática e recoñecida onda do Pico de Patos, un dos spots máis prestixiosos de Galicia e coñecido internacionalmente pola súa potencia e calidade.
A intensidade das ondas tamén podería coincidir cunha posible alerta laranxa, circunstancia habitual cando entran grandes marexadas no sur da ría de Vigo. Aínda así, non supón un impedimento para os participantes, xa que o evento é invitacional e só accederán ao auga os mellores surfistas do ranking da Liga Galega de Surf e Bodyboard 2025.
Regresa tamén a Copa Galicia de Bodyboard
O Trofeo recupera este ano o seu espírito orixinal ao incorporar de novo a Copa Galicia de Bodyboard, convertendo a fin de semana nunha das citas máis completas do calendario autonómico. O Patos Surf Club logra así traer a Nigrán os dous eventos máis relevantes do surf e bodyboard galegos nun mesmo encontro.
Programa oficial
Sábado 13 de decembro
09:30 h – Inicio das primeiras mangas clasificatorias
Categorías: surf máster, open, feminino e bodyboard.
12:30 h – Primeiras semifinais das distintas modalidades.
Domingo 2 de decembro
10:30 h – Semifinais e finais de surf e bodyboard.
15:30 h – Cerimonia oficial de entrega de trofeos.
Unha cita imprescindible para o surf galego
O Trofeo Concello de Nigrán consolídase, un ano máis, como unha das competicións máis queridas polo público e polos deportistas, tanto pola historia do evento como pola calidade das súas ondas invernais.
A organización anima á afección a achegarse á praia de Patos para gozar dunha fin de semana de espectáculo, deportividade e nivel competitivo de primeira orde.
