Na ponte do Entroido de 2009 (do 20 ao 25 de febreiro para algúns) atopamos a varios practicantes de kitesurfe na Aguieira. O kitesurf (kite é papaventos en inglés) é un deporte náutico considerado extremo. Outros chámanlle flysurf (fly, voar, porque é o efecto que se consegue cos papaventos ben empregados).
Non se recomenda a práctica deste deporte sen un previo curso de iniciación, xa que hai perigos evidentes (por exemplo, hai que controlar algo de ventos, non se pode practicar con vento de terra ou podes acabar en mouramia e sen que che podan auxiliar).
No equipo básico hai varios elementos de seguridade. Un dos máis importantes é unha argola que une o arnés da cometa co corpo do practicante deste deporte. Se no medio da súa práctica se ve sorprendido por fortes refachóns, pódea soltar e así evitar desprazarse a lugares indesexados ou perigosos.
Cada ano que pasa, aínda que é un deporte moi novo, incorpóranse novos elementos de seguridade. Por exemplo, agora xa non se fan papaventos de dúas liñas, pois non permitían regular ben o papaventos como as novas de máis liñas.
Aínda que hai xente que busca a orixe deste deporte en lugares tan afastados como China ou Indonesia, onde empregaban pequenos papaventos para tirar por embarcacións, o kitesurf como ocio foi case inventado por Panhuise, un holandés que en 1977 patentou unha táboa de surf enganchada a un pequeno paracaídas.
Un dos lugares onde máis prendeu este deporte foi Indonesia. E non precisamente por aspectos positivos ás veces: a man de obra barata fai que as empresas que fabrican compoñentes para o flysurf escollan países desta zona para instalarse.
Deixámolos cun par de vídeos deste vistoso deporte nunha praia non menos vistosa: a da Aguieira en Porto do Son
Se queres saber máis:
(Enciclopedia do Kitesurf en castelán)
Blog de FlySurf en castelán
Web de Gisela Pulido (campiona do mundo con só 13 anos)
Fonte orixinal do artigo: http://certo.es/index.php?page=kitesurf_na_aguieira