Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia resaltou as potencialidades de Galicia como destino de surf. Estivo acompañada de Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. GALICIA SURFING é unha marca de promoción de Galicia como destino de surf. Á presentación asistiron diversos medios e líderes de opinión especializados no surf destacando ao surfista profesional galego Gony Zubizarreta.
A Axencia de Turismo de Galicia ven de presentar ao público profesional turístico, na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), un novo produto turístico para a promoción do turismo de surf en Galicia. Nesta presentación presidida pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou tamén Gony Zubizarreta, surfista galego de renome que conta cun extenso listado de campionatos ás súas costas, estando neste momento no top100 mundial de surfistas profesionais. Na presentación, Gony Zubizarreta agradeceu o apoio por parte da Xunta de Galicia no posicionamento do turismo de surf en Galicia como unha oportunidade de desenrolo deste deporte como nicho de desenvolvemento económico, tal como sucede noutras partes do Mundo.
Así tamén Nava Castro resaltou a potencialidade do turismo de surf en Galicia debido aos recursos naturais únicos desta terra e ofreceu aos asistentes unha pequena mostra dos materiais promocionais que se teñen creado en relación a Galicia Surfing así como tamén a presentación do vídeo promocional que conta coa aparición de Gony Zubizarreta como líder de opinión.
Outras accións:
Aproveitando a oportunidade que brinda FITUR, estase a realizar unha acción que durará os 5 días da feira e que consiste na promoción do destino a través de 4 promotores/as que estimularán o recoñecemento de marca invitando a participar nun concurso no se poderá gañar unha viaxe a Galicia para practicar surf. Esta acción implicará o uso das redes sociais co que o impacto se trasladará tamén a fóra do recinto da feira.
A creación deste novo produto turístico vai relacionada coa liña estratéxica 9 do plan Estratéxico de Turismo 2020 de Galicia na que se impulsa a comercialización de produtos turísticos diferenciadores baseados nos recursos endóxenos do territorio en concreto nas propostas relacionadas coa promoción do turismo deportivo e do turismo de praia e costa.
Accións do produto Galicia Surfing
Para o deseño, creación e lanzamento deste produto turístico téñense realizado as seguintes accións:
• Produción dun mapa coas 100 praias de Galicia aptas para a práctica do surf, coa descrición do top16 de praias así como outros servizos frecuentados polos surfistas. Esta guía ademais terá varias propostas de viaxe de 3, 7 e 15 días relacionando o top16 de praias cos top ten de lugares únicos de Galicia.
• Edición de folleto profesional para feiras, co obxectivo de levar a cabo accións de promo-comercialización do produto.
• Co mesmo obxectivo que o folleto profesional, presentarase una APP para profesionais para a promoción en Feiras.
• Xeración de contidos de alta calidade de vídeo e fotografía para accións de promoción on e off line.
• Accións de promoción en Fitur: ademais da presentación do produto estase a realizar unha campaña promocional con varios extras durante os días de Feira.
• Produción de diverso merchandasing para accións de promoción.
• Sinalización das estradas para acceso ás praias.
• Sinalización especial mediante unha prancha de surf do top16 de praias de Galicia.
O turismo de surf
O turismo deportivo está entre as tres principais motivacións para viaxar dos turistas estranxeiros que visitan España, e xera ingresos anuais de 12.500 millóns de euros (Turespaña, 2016). Tanto os eventos deportivos como as actividades deportivas máis practicadas durante períodos vacacionais teñen un importante impacto económico, directo e indirecto, nos territorios nos que se desenvolven.
Pero aínda que son moitas as actividades deportivas con potencial de desenvolvemento en Galicia, o certo é que as vinculadas ao mar deberan adquirir un carácter estratéxico. Galicia ten o 19,21% de toda a costa española, e ademais as características singulares das rías resultan idóneas para a práctica do deporte do surf.
No que respecta á vinculación existente entre este deporte, o surf, e o turismo é importante precisar que este deporte está a experimentar en Galicia un auxe sen precedentes, xa que ao gran desenvolvemento experimentado no número de practicantes e no número de proxectos profesionais, hai que engadir o incremento no interese e o coñecemento por parte da propia poboación de Galicia.
O surf constitúe a principal motivación de viaxe para segmentos de demanda específicos, que organizan os seus desprazamentos vacacionais en función das posibilidades de realización deste deporte, que require, ademais dun equipamento específico, unhas determinadas condicións naturais que caracterizan a existencia de boas ou malas ondas nos territorios.
Cabe considerar respecto diso que en Galicia existen mais de 100 praias válidas para a práctica do surf e que, ademais, moitas delas melloran tanto en calidade como en frecuencia de ondas ás praias doutros destinos próximos que xa desenvolven con éxito produtos turísticos de surf como Portugal, Cantabria e Euskadi. Ademais, en Galicia, os lugares de práctica deste deporte, a diferencia do que sucede en Cantabria e Euskadi, reúnen características ambientais singulares, e nalgúns casos excepcionais, debido ao reducido impacto urbanístico e de desenvolvemento territorial.
Produto turístico Galicia Surfing
O produto turístico buscará a satisfacción dos turistas mediante a súa participación nunha experiencia única. Configurarase baixo os principios da sustentabilidade medioambiental e sociocultural, a responsabilidade social, a innovación e a colaboración público-privada, e o seu fin último é a creación de emprego mediante o incremento do turismo sectorial de surf. O produto pretende, ademais, colaborar na mellora dos datos de desestacionalización e días de estancia media do turismo de Galicia.
Obxectivos de Galicia Surfing
• Ser o destino de surf de referencia no panorama nacional.
• Instaurar as bases para a creación dunha rede de servizos relacionados co surf de calidade e desestacionalizada.
• Incrementar a conciencia de pertenza deste deporte ó territorio
• Velar por un desenvolvemento sustentable
• Apoiar a estratexia da Axencia de Turismo de diversificar a oferta e descentralizar a chegada de turistas a recursos xa consolidados en perigo de saturación.
• Creación de emprego mediante o incremento do turismo sectorial de surf.
Atributos de marca
• Ondas aseguradas case os 365 días do ano (destino de Europa con maior consistencia de ondas)
• Os principais surf spots galegos están en espazos naturais (a diferenza dos spots marcados pola competencia localizados a maioría en zonas urbanas)
• Sustentabilidade
Puntos fortes
• Pantín classic Galicia Pro
• Destino con historia de surf e unha considerable rede de empresas relacionadas co sector
• Apertura do primeiro museo de surf en España
• Apoio da administración e profesionalidade das empresas que desenrolan o proxecto
• Alto grao de proteccionismo das administracións para a conservación do entorno natural costeiro.