Comunicado do Concello da Laracha o pasado día 16 de Agosto.
O Concello prohibirá a práctica do surf na praia de Caión na temporada de verán durante as horas de maior aglomeración de persoas. A medida será efectiva xa desde hoxe.
A decisión tómase coa finalidade de garantir a seguridade e despois de que se detectase a afluencia dun importante volume de surfistas en hora punta e con marea alta –cando a superficie do areal se reduce en gran medida-, o que derivou en situacións de risco e perigo para os bañistas que compartían espazo con eles.
O Concello informará desta circunstancia colocando cartelería nos accesos ao areal, advertindo tamén de que vulnerar as instrucións a requirimento verbal dos axentes da autoridade ou do persoal de salvamento e socorrismo suporá o abandono inmediato da zona sen prexuízo da imposición das sancións previstas na ordenanza municipal de promoción das condutas cívicas e protección dos espazos públicos.
A práctica do surf continuará permitíndose tanto de maneira regulada (a través das escolas) como libre durante as horas restantes do día.