A praia de Valcovo acollerá este sábado, 19 de setembro, unha nova edición do VALCOLEGENDS, unha xornada dedicada ao bodyboard, ao reencontro de varias xeracións de surfistas e á esencia máis auténtica da cultura corchera.
A competición reunirá participantes de todas as idades, desde os máis novos ata os veteranos, repartidos en catro categorías: Grumetes, para participantes de 0 a 20 anos; Juniors, de 21 a 40; Legends, para maiores de 40 anos; e categoría feminina Dk.
O check-in estará aberto desde as 9:00 horas e a primeira manga está prevista para as 10:00. As mangas terán unha duración de 40 minutos, cunha manga por categoría. No caso de que algunha categoría supere os 20 inscritos, organizaranse diferentes mangas de 30 minutos.
O xurado estará formado por dous xuíces e un xefe de xuíces, que valorarán especialmente a calidade da liña, a lectura da onda, o estilo, a colocación das manobras e a capacidade para enlazalas. No VALCOLEGENDS, a intención é premiar o bo bodyboard por riba das manobras forzadas: unha boa liña e un gran cutback poden valer máis que un reverse imposible.
Haberá premios para cada unha das categorías e tamén se valorará a mellor onda, as mellores manobras e os combos de manobras.
A inscrición ten un prezo de 15 euros e inclúe a comida, unha ración de paella e unha consumición. Para a categoría Grumetes, o prezo será de 10 euros. Familiares e amigos que non participen na competición tamén poderán gozar da xornada por 10 euros, incluíndo paella e consumición.
Máis alá da competición, VALCOLEGENDS pretende recuperar o espírito das reunións corcheras de sempre, cunha xornada para compartir ondas, comida, música e amizade entre diferentes xeracións. O programa contará tamén con concertos e música punk, mantendo ese carácter informal e irreverente que forma parte da identidade do encontro.
"Todas as xeracións representando o bugui, moito licorca, boa música punk e que non se perda nunca a esencia", explican desde a organización.
Unha cita para volver atoparse na area, compartir ondas e celebrar unha forma de entender o bodyboard que vai moito máis alá da competición.
A organización agradece especialmente a colaboración de Core Surfing, Vazva Stores, NW Store, La Parada Valcovo, Na Onda, En la Tabla e Arteixo Surf Club.
