"En 65 km de costa recollemos 1.600 topónimos, e hai para todos os gustos"

Dentro dos nomes que o ser humano lles outorga aos sitios, os que se refiren aos accidentes da costa son dos máis singulares. A importancia que para se guiar no mar e localizar os sitios onde máis pesca había fixeron que se desenvolvese unha ampla toponimia neste sentido, dándolle nome a canto elemento puidese servir de referencia. Xosé Lois Vilar publicou recentemente, desde o Instituto de Estudos Miñoraos, a obra Talasonimia da costa sur de Galicia unha obra que amosa a riqueza e a variedade das denominacións deste ámbito. Agora, o autor explícanos o proceso de recolleita e as curiosidades destas denominacións.

Se xa na terra estamos ben servidos de topónimos, de xeito semellante na costa os mariñeiros de diferentes vilas dábanlle cadanseu nome aos mesmos lugares. “Que haxa máis dun nome para un mesmo lugar é bo e é normal en toda Galicia, tanto na terra coma no mar. Por exemplo un baixo que hai entre Monteferro e Estela de Terra para os de Baiona é o Baixo de Meixoeiro e para os de Panxón é o Baixo da Porta. E se accedesen a esa zona máis comunidades mariñeiras ao mesmo sitio tería tres ou catro nomes”. De feito, era habitual que moitos dos traballadores do mar levasen un caderno de notas nos que recollían apontamentos e esquemas da costa que lles permitisen localizar con exactitude os lugares onda a pesca era máis abondosa, e mesmo non era extraña a espionaxe e o emprego de códigos para evitar que se descubrisen estes espazos.

As orixes dos nomes

Entre as causas que lle outorgan un nome particular a unha zona específica atopamos toda unha variedade de posibles causas. Por unha banda están a propia forma dun lugar coma A Aguda, A Bañeira, ou Os Cuitelos. Tamén existen nomes que fan referencia á cor concreta dun espazo, como son os casos de Seixos Negros, Arribas Brancas ou A Laxe Rubia. Tamén se denominan os lugares a partir de ocupacións que nalgún momento se desenvolveron neles. A Salina, A Punta da Sentinela, ou A Fragua son algúns exemplos. Tamén houbo persoas que lle deron nome a lugares, coma nos casos de O Laño do Desiderio, A Laxe da Aurora ou A Laxe da Tía Casilda. As especies animais ou vexetais presentes nun lugar son outra característica pola que se bautiza un sitio. O Pintoeiro, As Centolas, O Rego da Londra, Os Xuncos, O Prixel ou Lourido son algúns destes casos.


Accidentes

Os accidentes laborais, en especial as artes de pesca ou as embarcacións que adoitan quedar danadas nun punto concreto deron tamén nome a accidentes xeográficos coma Os Ferranchos, Papachumbadas, O Gancho, Ferralemes ou Rapatimóns. Mesmo naufraxios concretos deixaron a súa pegada na nosa costa. A Pedra do Queimado débelle o seu nome ao naufraxio dun barco propiedade dun home con este alcuño. Co seu afundimento, o pesqueiro ABC cedeulle a denominación a un lugar, ao igual que a nave Cabo Oropesa cos Baixos de Oropesa.


Nomes comúns

De feito, en moitos destes topónimos consérvanse palabras específicas que para determinados accidentes xeográficos que pode ser difícil atopar illadas. No seu traballo, Vilar recolle nomes con significado propio no sur do país coma Allada, que significa mancha de area; Brugal, que identifica unha zona areosa do fondo do mar con restos de cunchas; Eiriña, que designa unha rocha plana, ou Olga, nome dunha rocha que queda cuberta coa baixamar pero que se pode ollar desde a embarcación. Como podemos ver, a concreción e especificidade destes nomes é verdadeiramente exhaustiva.

Campo aberto

Como amosa o completo traballo que publicou o Instituto de Estudos Miñoranos, co apoio da Deputación de Pontevedra e mais do Proxecto Ronsel, a riqueza deste campo está aínda pendente de se descubrir. Segundo defende Vilar, é o traballo de base, mediante colectivos locais, o máis efectivo e económico á hora de conseguir rexistrar a incrible variedade que agocha este campo. Toda unha riqueza asombrosa que, coma tantas outras, esmorece a miúdo na memoria dos máis vellos.

Fonte orixinal: www.culturagalega.org

Web do Instituto de Estudos Miñoranos: www.minhor.org

Surf GZ é un xornal que promove e espalla a cultura da xente da praia en internet. Levamos traballando dende 2008 e xa publicamos máis de 5.000 novas de surf, longboard, ecoloxía, cultura, paddle surf e bodyboard. Moitas grazas pola túa visita.

Surf Galicia SurfGz.com

Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.