Galicia conta con unha das comunidades surfeiras máis activas e en auxe do panorama estatal. As condicións atlánticas, a cultura costeira, diversidade de praias, consistencia de olas e ventos e o desenvolvemento de clubs e escolas fixeron da nosa costa un referente internacional. Con esta realidade, un novo estudo académico da Universidade de Vigo busca analizar en profundidade as necesidades psicolóxicas dos practicantes de surf e bodyboard en Galicia, incluíndo aspectos como a motivación, a autoconfianza, a atención, o estado de flow a ansiedade e o impacto do mar no benestar persoal entre outros.
A investigación, desenvolvida polo estudante de CAFYD Xan Nogueira Rodríguez e o profesor de Psicoloxía do deporte Joaquín Dosil, pretende obter un retrato rigoroso do perfil psicolóxico dos surfistas galegos, tanto recreativos como competitivos. Para iso, púxose en marcha un cuestionario, aberto a surfistas e bodyboarders de todos os niveis e idades, que se pode cubrir en apenas cinco minutos.
O obxectivo é comprender con maior profundidade como inflúe o surf na saúde mental, emocional e social das persoas, identificar que factores fortalecen o rendemento deportivo e analizar o papel específico que teñen as condicións galegas na adaptación psicolóxica dos surfistas.
O traballo pretende tamén xerar información útil para clubs, escolas e entidades deportivas, contribuíndo a mellorar programas de tecnificación, preparación psicolóxica, inclusión social e promoción do benestar a través dos deportes acuáticos.
O cuestionario está dispoñible para todos os surfistas e bodyboarders galegos a través da seguinte ligazón: Cuestionario Necesidades Psicolóxicas Surf e Bodyboard
A participación é voluntaria e os resultados serán empregados con fins exclusivamente académicos. Unha vez finalizada a investigación, prevese compartir as conclusións cos colectivos e institucións que colaboren no proxecto.
Desde a organización do estudo fan un chamamento á comunidade galega para participar neste proxecto pioneiro: “Canto maior sexa o número de participantes, máis precisos seram os resultados do estudio do surf galego actual e será maior o impacto positivo que poida ter esta investigación”.
Xan Nogueira Rodríguez
