Jesús Busto - Antes de 1967 en Galicia xa xogabamos coas ondas. O deslizamiento xa se practicaba nas nosas costas antes da aparición do surf. Pódese dicir que case desde o principio dos tempos os pescadores utilizaron as ondas para entrar en porto os días de temporal. Non é iso surfear? Máis tarde, xa a principios do século XX, os bañistas apuntáronse a nadar nas ondas. Aparecían tamén neses anos os primeiros dispositivos para mellorar o deslizamiento corporal. Despois chegarían as táboas.
Temos por tanto unha historia, un pasado, e se hoxe surfeamos en Galicia é por que antes, hai anos, outros tiveron a valentía e a destreza de meterse na auga a surfear con aquilo que tiñan a man ou coas táboas que puideron conseguir e en moitas ocasións compartir.
Sen ningunha dúbida esa xente, os pioneiros, foron, de entre todas as xeracións de surfeiros, os que puideron saborear de forma máis directa o surf en estado puro. Algo tan sinxelo e simple como a fórmula “surf = táboa + onda”. Pasados os anos todo foi distinto. Perfeccionáronse os inventos, as quillas e os cantos. Celebráronse máis campionatos. As táboas baixaron de peso e subiron de prezo. Apareceron os traxes exclusivos para surf. Con todo, e a pesar das dificultades, aqueles foron anos irrepetibles. Anos de descubrir novas praias, novas ondas. De percorrer a costa guiados pola intuición e a lóxica. Descubrindo incribles camiños. Orientándose polo sol coa axuda dun compás e un mapa de estradas. E de facer amizades que perduraron cos anos a pesar de que cada un tome diferentes camiños na súa vida.
Artigo orixinal: