Conversa con Pablo Blanco de Ula Ola Surfboards

Ula Ola Surfboards

Velaquí tedes unha entrevista a Pablo Blanco, shaper e fundador de Ula Ola surfboards, unha marca galega de pranchas de madeira que produce e fabrica artesanalmente na cidade da Coruña. Neto de carpinteiro e con formación 3D, Pablo libera os seus deseños pra que outras persoas poidan facer os seus proprios modelos. Se estás interesado en coñecer máis cousas sobre este tipo de pranchas, vas atopar interesante a nosa conversa.

Cando naceu Ula Ola Surfboards e cal é a súa filosofía?

O proxecto Ula Ola naceu no ano 2014 case como un pasatempo. A máxima é deseñar e fabricar táboas amigables co shaper, o medio ambiente e a sociedade. Rescatar procesos e materiais esquencidos e adaptalos ós tempos que corren.

Á súa vez, publicar todos os deseños e os detalles das ferramentas usadas para traballar, polo que se podería dicir que se trata dun proxecto de código aberto.

Fálanos un pouco de ti como surfer e como aprendiches a facer estas táboas artesanais?

Son un surfista de ondas máis ben pequenas, cunha limitación física importante. Por este motivo, rondábame na cabeza construir as miñas propias pranchas, e tamén tiña claro que quería experimentar con materiais e técnicas diferentes.

Ó mesmo tempo, levaba un tempo trasteando con impresoras 3D e sistemas de deseño paramétrico, e por descontado arrastro o contacto coa madeira desde pequeno. Meu avó era carpinteiro e meus pais tiñan unha empresa de mobiliario.

Despois de moitas horas de lectura, decidinme a construír o primeiro modelo, e cando me quixen dar conta, estaba inmerso nunha afición aínda máis cara que a de colecionar pranchas de surf. Fabricar pranchas de surf.

Ula Ola Surfboards

Cales son as principais diferencias cando surfeas con madeira?

Depende moito do modelo construtivo. Eu traballo o laminado de madeira ó valeiro tipo sandwich (EPS). E tamén o tipo Chambered, que consiste en costelas lonxitudinais alixeiradas con cavidades.

Nun caso purista, cunha prancha tipo chambered só tratada con aceite e varniz, as sensacións poden ser moi de "pisar madeira", sobre todo polas vibracións que produce, notas en todo momento que vas sobre un anaco de madeira, e aínda máis cando estás esperando a onda. O comportamento en canto ó peso, é, salvo excepcións, o dunha prancha clásica, e isto nótanse en todo o surf, na remada, a estabilidade e as inercias.

Persoalmente gústame que as pranchas que fago para min sexan lixeiramente máis pesadas.


Ula Ola Surfboards


Fálanos un pouco dos teus modelos máis vendidos?

Ata o momento, os modelos que máis replico son: Un stubby, un egg e un minimalibú. Teñen uns tamaños entre 6 e 8 pes, con cóncavos simples e liñas pouco agresivas. Son táboas anchas, cóncavo simple e single fin ainda que podo facer combinacións 2+1 a petición do cliente.

Pensas que cada vez imos ver máis pranchas de madeira na nosa costa?

Eu creo que si, a madeira ten moitísimas posibilidades. Podes construír unha táboa integramente con ela e funcionará, e podes combinala con materiais sintéticos obtendo unhas altísimas prestacións.

É certo que agora mesmo hai unha tendencia estética cara a madeira, pero tamén hai unha tendencia clara cara o uso de materiais mais sustentables.

Pablo Blanco Ula Ola Surfboards


Con que tipo de madeiras traballas e como é o proceso de fabricación?

As madeiras que estou usando con moi bos resultados son a Paulownia e o Obeche. Nun afán por introducir un produto máis local comecei a engadir tamén cortiza (corcho), xa que  España, e sobre todo Portugal son grandes produtores mundiais. Como dixen antes, os procesos de fabricación son o laminado en sandwich sobre EPS e a madeira maciza alixeirada.

Se me piden unha prancha na que non faga falla mantemento, estratifico en epoxi como nunha táboa comercial, e no caso de precisar un acabado máis puro,  utilizo aceites vexetais con lasur e verniz. Un acabado moi similar ó que se aplica sobre as casas de madeira en climas agresivos.

Que lle dirías a un surfeiro que está a pensar en comprar unha prancha de madeira?

Aparte de elixir unha forma acorde co seu nivel, é moi importante que consulte ó shaper que tipo de prancha de madeira precisa acorde co surf que vai realizar. O sistema construtivo dí moito acerca do peso final da prancha. Pode ser unha limitación ou incluso unha ventaxa dependendo do que queiras facer.

É posíbel pasar polo teu taller pra ver e tocar as túas pranchas?

Aínda que teño un taller moi modesto, encántame amosalo, e tamén os resultados do meu traballo. Só tedes que avisar para concretar unha hora.

Agora dille o que queiras aos nosos lectores.

As grandes empresas de merchandising acostuman a mostrarnos unha soa maneira de aproveitar as olas, pero hai tantas maneiras de surfear como condicións e tipos de persoa. Tamén existen moitos artiluxios descoñecidos para o público xeral que as grandes marcas non comercializan. Falo de táboas asimétricas, paipos, alaias, handplanes e un largo etc.

Os shapers locais coñecen as ondas da vosa costa. Acudide a eles para progresar no voso surf, se tedes unhas necesidades especiais ou se símplemente queredes coñecer algo novo.

Tedes + info sobre Pablo Blanco e o seu proxecto na súa páxina web:

Páxina Web: www.ulaola.site
Usamos cookies

Usamos cookies no noso sitio web. Algúns deles son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outros axúdannos a melloralo canda a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesmo se queres permitir cookies ou non. Ten presente que se os rexeitas, é posíbel que non poida utilizar todas as funcionalidades do sitio.