A costa de Galiza abrangue uns 1.195 quilómetros de lonxitude, máis do 30% de toda a costa da península Ibérica. Conta con acantilados de até 600 m de altura, na Serra da Capelada, os maiores da Península; rasas mariñas e numerosas illas e illotes. Arredor dun 35% do litoral, uns 600 km, son de praias e outros areais, incluíndo as áreas dunares.
Combínanse e coexisten meios de elevada produtividade (rías, lagoas…) con outros de condicións extremas para a vida (areais, acantilados…). O litoral galego conta cunha riqueza paisaxística, biolóxica e etnográfica única no mundo e fai parte imprescindíbel da nosa identidade cultural, das nosas referencias emocionais e do noso futuro colectivo.
Porén, esta singularidade non ten sido apoiada dende as administracións nin respectada dende o ámbito privado. O litoral en xeral, e as rías particularmente, atópase suxeito a unha normativa insuficiente para a complexidade de actividades que sobre el se desenvolven (extractivas, transporte, contaminación, obra civil, etc.) quedando a expensas das Autoridades portuarias. O desenvolvemento urbanístico e industrial descontrolado, unhas inexistentes políticas de ordenación do territorio e un errado concepto utilitarista do progreso traduciuse na destrución de grandes partes do noso litoral, proceso acelerado nos últimos anos e con poucas perspectivas de frearse, o que pode supoñer, se non se pon couto, a marea gris definitiva que remate de asolagar a nosa costa.
Actualmente, froito da entrada en vigor da nova lei do Solo, a meirande parte dos concellos galegos presentaron ou están en proceso de elaboración dos seus novos planos xerais de ordenación urbana nos que prevén a construción de 300.000 novas vivendas na próxima década, un 75% máis das existentes na actualidade, a maior parte delas concentradas na costa. A maiores, están previstos 17 campos de golf e 24 novos portos deportivos. Galicia pasaría de contar con 816.000 vivendas na costa a 1,4 millóns en dez anos, sendo o 60% segunda vivenda destinada fundamentalmente aos mercados estatais e europeos.
Destacan nesta voráxine construtiva a península do Morrazo que a pesares de ter unha das densidades de construción máis altas do litoral prevén aumentar a súa edificabilidade nun 80%. Galicia xa conta cun índice de urbanización do litoral do 15,8%, superior á media estatal, pero en zonas como Pontevedra soborda o 25%. De levárense adiante as previsións de construción, o índice dispararíase exponencialmente e perderíamos irremediablemente grande parte da nosa faciana litoral.
Os ecosistemas litorais e costeiros submerxidos son áreas moi sensíbeis as alteracións na contorna. A costa galega xa ten amplamente superada a súa capacidade de carga (entendida como capacidade de asimilar as presións humanas sen sofrer un deterioro irreversíbel) na medida en que os asentamentos humanos e industriais actuais carecen na súa meirande parte das medidas mínimas de xestión de vertidos e depuración de augas. Esta situación, que supuxo xa na ría de Vigo formular unha sanción superior aos 20 millóns de € por parte da UE, significa que máis de 650.000 galegos e galegas verquen sen tratar os seus residuos ás rías galegas.
Estes verquidos non son unicamente domésticos, máis da metade teñen a súa orixe na industria. Segundo os estudios de Green Building Challenge - España cada nova vivenda construída no litoral xera cada ano a seguinte carga ambiental para unha ocupación tipo de 200 días/ano (ratio medio para vivendas principais e segundas residencias): consumo duns 60.000 litros de auga/ano e de 6.600 kWh/ano de enerxía; e xeración duns 594 kg/ano de residuos urbanos e de 1.083 kg/ano de CO2. Cando aínda non se ten capacidade para atender os impactos do xa urbanizado, semella cando menos unha irresponsabilidade planificar un incremento do 75 % máis de construcións no litoral.
No eido industrial e de obra civil, o panorama non é mellor. Recheos, portos deportivos, parques eólicos, piscifactorías e industrias de todo tipo invaden a costa independentemente da figura de protección coa que conte o un determinado espazo do litoral, nunha carreira subvencionada cara a ningures na que a falsa escusa da creación de postos de traballo abre a espita da destrución do litoral.
Este proceso tradúcese nunha perda cultural, ambiental e económica que a miopía xeralizada que padecemos obvia, cometendo os mesmos erros que noutras zonas do estado e facilitando a perda de valores ambientais, biodiversidade, de calidade de vida e a rendibilidade socioeconómica da nosa costa.
PROPOSTAS
1. SUSTENTABILIDADE
Implantar unha nova cultura do territorio:
Unha nova cultura do territorio en chave de sustentabilidade integral, nas súas vertentes ambiental, social e económica. Unha cultura da sustentabilidade territorial que poña límites á artificialización irreversíbel do territorio (urbanización difusa, proliferación de infraestruturas de transporte por estrada, paseos marítimos, recheos…), procure a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, non destrúa as nosas mellores paisaxes, free a especulación inmobiliaria, facilite o acceso a unha vivenda digna, mellore a habitabilidade de cidades, vilas e aldeas e reduza a demanda de transporte motorizado, xerando proximidade. Unha ordenación do territorio que abranga todo o país, con medidas para evitar o despoboamento do interior e o desprazamento da poboacion cara as zonas costeiras e o conseguinte aumento da presión urbanística. Cómpre reequilibrar a relacion interior/costa do territorio
Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral
Unha estratexia que estableza o marco de coordinación de todas as políticas que inflúen sobre a zona costeira e racionalice a actuación das distintas administracións co competencias sobre o litoral.
Aplicar o amplo abano de figuras de protección ambiental
As figuras (Parques naturais, reservas da biosfera, Rede Natura, espazos naturais protexidos, solos rústicos de protección de espazos naturais da LOUG, solos rústicos de protección de costas da LOUG, servidumes, zonas de policía e áreas de caudal dos ríos, áreas de delimitación do dominio público marítimo- terrestre e áreas mariñas protexidas) e medidas de protección ambiental deben se aplicar de xeito rigoroso, definindo claramente os espazos protexidos e fornecendo corredores ecolóxicos ou espazos ponte que permitan manter un ecosistema litoral dinámico e interconectado. Cómpre salientar a figura das areasmariñas protexidas pola súa potencialidade na conservación e mantemento da estrutura do ecosistema e de todas as especies que o compoñen así como na recuperación de especies de interese comercial e o seu aporte a unha xestión sustentábel da pesca artesanal, fonte de emprego básica do espazo litoral galego. As súas normas de xestión impedirán a execución de proxectos que son ambientalmente incompatíbeis nestes espazos: estradas de alta capacidade, industrias contaminantes, parques eólicos, encoros, canteiras, usos agroforestais lesivos, etc.
Os espazos naturais inscritos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais creado polo decreto 82/1989 son instrumento fundamental de protección. Aínda QUE O TERRITORIO ABARCADO POR ESTES ESPAZOS é INSUFICIENTE e cumpriría amplialo, débense potenciar e dotar de mais amplos contidos, difusión e medios de protección. A súa xestión debe enfocarse dende unha óptica territorial ampla. Os seus valores naturais dependen non só do que se fai no seo dos mesmos, senon dun contorno mais amplo, que inclue o litoral, os rios e mesmo a alta mar.
Apostar pola produción limpa nas industrias e definir claramente o seu emprazamento atendendo ao Principio de Precaución .
É imprescindíbel reducir a xeración de residuos en todos os sectores produtivos e eliminar os procesos industriais que xeren substancias tóxicas, caso de que sexan inevitables deberíase reducir estes subprodutos significativamente e ser tratalos convenientemente para evitar o seu traslado ao medio natural dispoñendo de plans de prevención de accidentes e de continxencia específicos para casos de dano ambiental, dispoñendo ademais as industrias de depuración propia, tal e como establece a lexislación, e de tratamento, recirculación ou reutilización de augas no caso de tratar substancias industriais con contaminantes persistentes.
Cambios no modelo de desenvolvemento do litoral, particularmente no turismo.
A aposta por un turismo non masificado, baseado nos valores naturais e culturais esixe o impulso de medidas destinadas a súa conservación. Cómpre promover un ocio colectivo marítimo fronte ao ocio individualista, que promocionara unha comprensión comunitaria do medio e permitira a recuperación de grandes embarcacións tradicionais, navegación a vela e un uso deportivo e ocioso do medio o menos contaminante posible minimizando a construción de portos deportivos e puntos de atraque no litoral. Cómpre fornecer un tecido económico diversificado onde as actividades cun alto compoñente de emprego estábel substitúan as políticas de “pan para hoxe e fame para mañá” claramente representadas pola promoción de segundas e terceiras vivendas na costa.
2. LEXISLACIÓN
Cumprimento da lexislación vixente
O grao de incumprimento da lexislación de protección ambiental e do patrimonio no noso país é moi alto, pódese cualificar mesmo de escandaloso. A escasa vontade política para a aplicar tradúcese na enorme insuficiencia de medios destinados a informar á sociedade sobre a súa existencia e a fiscalizar o seu cumprimento efectivo. Sen dúbida, é preciso ampliar e mellorar a lexislación de protección ambiental, ordenación do territorio e urbanismo máis primeiro cómpre multiplicar os esforzos para a implementación da lexislación existente. De pouco servirá termos unha lexislación mellor se persiste o desleixo actual na súa aplicación, se se aplica en moi pequena medida, particularmente cando afecta ás propias Administracións e a grandes empresas.
Demarcación e conservación do dominio público terrestre
Unha protección efectiva dos terreos de titularidade pública pasan ineludibelmente pola delimitación completa e inmediata do dominio público marítimo-terrestre. A miúdo non se respecta nin tan sequera o dominio público marítimo-terrestre xa delimitado, proliferando as invasións e apropiacións ilegais destes espazos públicos. Polo que se fai necesario unha vixilancia específica do cumprimento da lei neste sentido para garantir a súa conservación, ante o desleixo aparente das administracións competentes.
Reforma da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUGA).
Esta lei recolle a figura da “concesión de obra urbanizadora” que habilita a un promotor ou empresa privada para levar adiante expropiacións forzosas, unha vez realizados determinados trámites. Esta figura tamén existe na lexislación valenciana (co nome de axente urbanizador) e ten dado lugar á apertura dunha investigación por parte da UE e unha resolución posterior esixindo a súa eliminación.
Derrogación da Lei de Expropiacións Forzosas e formulación dunha nova lei
A Lei de Expropiacións forzosas está vixente dende o ano 1954. É, polo tanto preconstitucional. Precísase unha nova lei que defina claramente o “interese público ou social”. Na lexislación actual, este tipo de termos xurídicos pouco definidos crean baleiros legais que favorecen o abuso e a xustificación de todo tipo de aberracións urbanísticas.
Aplicación da avaliación estratéxica integral sobre o conxunto das actuacións urbanísticas.
A Lei 9/2006 sobre Avaliación dos efectos de determinados Plans e proxectos sobre o Medio Ambiente recolle no seu artigo 3º a aplicación da avaliación estratéxica sobre plans e programas que establezan o uso de zonas de reducido ámbito territorial. Este artigo é de aplicación directa dende o mes de xuño a todos os Planos Xerais de Ordenación Urbana. Máis cando falamos do litoral, e particularmente das rías galegas, compre manter unha ollada global sobre o territorio. Unha ría pode se ver afectada polos PXOU de varios concellos que se poderían avaliar individualmente, cando os seus potenciais efectos prexudiciais dedúcense da suma dos efectos individuais.
Nova Lei de Ordenación do Territorio
Unha lei que delimite que se pode facer e onde, fundamentada na protección dos valores sociais, ambientais e culturais do territorio galego. A paisaxe é un elemento básico nesta concepción do territorio. A Convención Europea da Paisaxe (2004) recoñece xuridicamente a paisaxe como compoñente esencial do entorno, expresión da súa diversidade natural e cultural e fundamento da identidade dos pobos e o deber de protexela.
Redistribución das competencias sobre o espazo litoral.
Unha das causas do caos actual na xestión do litoral é o partillamento de competencias entre o Ministerio de Medio Ambiente, o Ministério de Fomento a través das Autoridades Portuárias. as Consellerías de Pesca, Industria, Política Territorial e Medio Ambiente, e os Concellos. Cómpre simplificar radicalmente o reparto de competencias que permita clarificar a súa xestión e coordinar as actuacións.
3. TRANSPARENCIA, PARTICIPACIÓN SOCIAL E RESPONSABILIDADE DE XESTIÓN
O tratamento da información urbanística, particularmente a referida ao litoral, adoita ser escurantista e as peticións de acceso á información enfróntanse a trabas de todo tipo en grande parte dos concellos galegos. A planificación desenvólvese de costas á cidadanía e a participación social é case que nula.
No mes de xuño aprobouse a Lei 27/2006 que regula os dereitos de acceso a información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente. Esta lei é a transposición, tras 8 anos de espera, do Convenio de Aarhus asinado polos países integrantes da UE. Máis con todo non abonda. As políticas públicas, como indica o seu nome, esixen unha ampla discusión entre a cidadanía e as administracións implicadas e da contraposición dos distintos intereses que xiran arredor delas para achar o balanzo máis positivo en termos sociais, económicos e ambientais. As Axendas 21 Locais foron esperanzadoras máis o desleixo político e a falla de vontade real de asumilas rematou por esmorecelas e convertelas nun mero trámite de xestión privada e sen interese para a participación cidadá.
Cómpre desenvolver estruturas de participación cidadá efectivas que permitan aos colectivos sociais participar dende o seu inicio no desenvolvemento dos actuais e futuros procesos urbanísticos.
Os cargos públicos teñen unha responsabilidade que debe ser examinada, avaliada e esixida dunha maneira regulamentada, independente de accións xudiciais ou reválidas electorais. Os compromisos electorais son a letra do contrato mediante o que a cidadanía cede a súa soberanía aos representantes políticos e polo tanto debe se cumprir ou explicar as razóns do seu incumprimento.
4. MEDIDAS DE EMERXENCIA
- Prohibición dos desenvolvementos urbanísticos e industriais naqueles lugares onde non estean garantidos a depuración completa de augas residuais, o subministro enerxético e de auga ou que a sua construcion provoque un impacto ambiental ou paisaxístico negativo.
- Posta en marcha inmediata dunha moratoria que deteña as agresións no espazo marítimo-litoral e que permita a realización dunha Planificación Integral dos Usos do litoral no que se recollan todos os aspectos derivados da ocupación humana, do uso do medio mariño e dos seus recursos así como a previsión sostible da ocupación do mesmo.
- Saneamento integral das Rías contemplando mecanismos de depuración separada de augas industriais e urbanas para facilitar a reciclado das lamas e apostando por unha rede de depuradoras de tamaño reducido e situadas preto dos lugares de xeración das augas residuais.
- Aplicación de amplos recortes nos desenvolvementos previstos polos Plans Xerais de Ordenación Urbana, os Plans Parciais e as modificacións de Normas Subsidiarias municipais.
- Derribo sistemático de toda construción ilegal.
- Moratoria na construción de paseos marítimos, portos deportivos e recheos fora das rías ate avaliar a súa necesidade, emprazamento e deseño.
- Prohibición da realización de ningún tipo de recheo dentro das rías xa que son ecosistemas moi fráxiles
- Participación social, transparencia e información no Plan Territorial Integrado do Litoral de Galicia da Xunta e no Plan Estratéxico 2004-2007 de Portos de Galicia .
- Aplicación inmediata da Directiva Marco da Auga, Directiva 2000/60/CE, no territorio galego, nomeadamente no litoral e embocaduras fluviais nas rías.
- Desenvolvemento dun plano de financiamento das entidades locais que lles permitan desenvolver a súa actividade con suficiencia, eliminando a tentación da rapìña urbanística como fonte de financiamento.
- Reorientar os investimentos en infraestruturas cara a atención das necesidades reais da poboación establecida e non para favorecer os proxectos especulativos das grandes empresas.
- Aplicación íntegra da Lei 9/2006 de Avaliación Estratéxica Ambiental de Plans e programas, en PXOM e Plans de Usos das Autoridades Portuarias.
O manifesto orixinal está no web: Galizanonsevende.org